A Xunta licita por máis de 730.000 euros a optimización do sistema Merlin de predición do risco de inundacións na demarcación hidrográfica Galicia-Costa
Cun prazo de execución de 8 meses, o contrato busca actualizar esta ferramenta de alerta temperá co fin de acadar unha xestión máis eficiente dos recursos hídricos e a mitigación dos riscos asociados aos desbordamentos
Os traballos inclúen tamén a actualización dun visor web e a mellora da xestión de bases de datos para facilitar a visualización das predicións e a análise de datos meteorolóxicos e hidrolóxicos de forma máis áxil e accesible
Empregaranse as últimas tecnoloxías dispoñibles para garantir que se responde de xeito máis eficiente aos episodios de asolagamentos
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025
A Xunta, a través de Augas de Galicia, acaba de licitar por algo máis de 730.000 euros, IVE incluído, a mellora e optimización do sistema Merlin, utilizado para a predición do risco de inundacións na demarcación hidrográfica Galicia-Costa e desenvolvido grazas á colaboración entre o organismo hidráulico autonómico e MeteoGalicia.
Deste xeito búscase actualizar esta ferramenta de alerta temperá baseada na predición de caudais, niveis de inundación e efectos das mareas permitindo unha xestión máis eficiente dos recursos hídricos e a mitigación dos riscos asociados aos desbordamentos. De feito, o contrato inclúe a mellora dos modelos hidrolóxicos e hidráulicos empregados no sistema coa finalidade de incrementar a súa precisión e adaptabilidade ás condicións cambiantes, mellorando as predicións en tempo real.
Entre as actuacións previstas, a licitación tamén prevé a actualización do visor web e a mellora da xestión de bases de datos para facilitar a visualización das predicións e a análise de datos meteorolóxicos e hidrolóxicos de forma máis áxil e accesible. A isto engádese a integración de funcionalidades avanzadas co fin de minimizar os erros dos modelos e a incorporación de novas fontes de datos que garanten que o sistema se manteña actualizado tecnoloxicamente e poida responder de forma máis eficiente aos episodios de inundación na demarcación hidrográfica Galicia-Costa.
O contrato tamén establece a formación e transferencia de coñecemento ao persoal de Augas de Galicia co obxectivo de garantir que poida xestionar e operar o sistema Merlin de maneira autónoma, aplicar as melloras implementadas e realizar futuros axustes sen depender de recursos externos.
Cun prazo de execución de oito meses, as empresas interesadas en optar a este contrato -que conta co cofinanciamento de fondos da Unión Europea Next Generation canalizados a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia- terán de prazo ata o vindeiro 5 de maio para presentar as súas propostas e deberán facelo necesariamente a través do sistema de licitación electrónica da Xunta.