Na xornada O papel dos portos como facilitadores dunha economía azul sostible para contribuír á consecución do Pacto Verde Europeo

Mar sitúa aos portos pesqueiros e ás lonxas como elementos clave na estrutura territorial de Galicia

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro defende a importancia de dotar a estas estruturas dos servizos precisos para que a actividade marítima se poida realizar de xeito máis eficaz para a frota

Pon en valor as liñas impulsadas polo Goberno autonómico para facer máis eficiente o sector tanto nas vendas como na trazabilidade do produto, como é o caso do proxecto Lonxas 4.0

Vigo, 3 de abril de 2025

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, destacou a importancia dos portos pesqueiros e das lonxas como elementos clave na estrutura territorial de Galicia, ao tempo que defendeu a importancia de dotar a estas estruturas dos servizos precisos para que a actividade marítima se poida realizar de xeito máis eficaz para a frota que, no caso de Galicia, é moi diversa en canto á tipoloxía.

Así o indicou na xornada O papel dos portos como facilitadores dunha economía azul sostible para contribuír á consecución do Pacto Verde Europeo, organizada pola Universidade de Vigo. E é que a comunidade conta con máis de 1.700 quilómetros de costa e con 128 portos, dos que a Xunta, a través de Portos de Galicia, adscrito á Consellería do Mar, xestiona directamente 122. Os outros seis, dependentes da Administración estatal, son xestionados por cinco Autoridades Portuarias: Vigo, Marín, Vilagarcía, A Coruña e Ferrol-San Cibrao. Deles, 83 están autorizados para a descarga de produtos da pesca, marisqueo e acuicultura. Así, Galicia conta con 4.160 buques, 3.307 permisos de marisqueo a pé e 5.723 establecementos de acuicultura.

Villaverde puxo en valor deste xeito a repercusión que ten a actividade portuaria, que vai dende a descarga ata a comercialización, para o desenvolvemento dos territorios, pois dá lugar a outras actividades complementarias vinculadas á restauración, ao turismo e mesmo ao sector da reparación; contribuíndo á integración de diferentes sectores na zona costeira e xerando emprego indirecto na mesma. No caso das lonxas, remarcou que son a porta de entrada dos produtos do mar á terra, polo que teñen un papel destacado á hora de garantir a sostibilidade dos recursos e na mellora da comercialización -ao seren o primeiro elo do subministro-, na trazabilidade do produto e como fonte xeradora de postos de traballo.

Neste senso, a directora xeral centrou o foco na importancia de cumprir a normativa existente na primeira venda para asegurar o control e sostibilidade do produto; o que conleva directamente á garantir a seguridade alimentaria. E, para elo, remarcou que o Goberno galego dispón do proxecto  Lonxas 4.0, destinado á dixitalización de todas estas instalacións e das Confrarías. A Consellería do Mar destina a esta iniciativa 2,6 millóns de euros.

Data de actualización: 03/04/2025