A Xunta apunta aos recursos naturais como o principal activo de Galicia e avoga por un aproveitamento sostible das explotacións mineiras
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou na xornada Potencial mineiro. Presente e futuro do noso país organizada pola Cámara Oficial Mineira de Galicia
Insiste na importancia de empregar “os nosos recursos de maneira eficiente e responsable para fomentar a autosuficiencia”
Salienta o papel na minería na transición cara a unha economía dixitalizada e descarbonizada
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025
O director de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, destacou hoxe que os recursos naturais son o principal activo de Galicia e avogou por un aproveitamento sustentable das explotacións mineiras. “Trátase de empregar os nosos recursos de maneira eficiente e responsable para fomentar a autosuficiencia”, subliñou.
Fernández Vila, participou na xornada Potencial mineiro. Presente e futuro do noso país organizada pola Cámara Oficial Mineira de Galicia onde salientou a importancia deste sector na transición cara a unha economía dixitalizada e descarbonizada que requirirá materias primas e procesos de produción eficientes. E nesta liña, explicou que a Xunta vai comezar a traballar na actualización da Axenda de impulso da minería sustentable de Galicia 2030 para o novo período temporal 2025-2027.
Durante a súa intervención, o director xeral apuntou que “Galicia pode ser clave para a autonomía de Europa” grazas aos datos da Comunidade en relación á minería. Así, sinalou que “representamos o 9,5 % da produción mineira de España, somos líderes en produción de pedra natural, a nosa rexión ocupa o segundo lugar en canto a emprego mineiro con 3.711 empregos directos e somos a primeira Comunidade Autónoma en número de establecementos balnearios activos”, sinalou.
Ademais, Pablo Fernández Vila, puxo en valor a Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que fagan uso dos recursos naturais de Galicia aprobada no Parlamento de Galicia o pasado mes de outubro. Segundo explicou, esta lei pretende garantir que calquera proxecto que se desenvolva en Galicia “xere riqueza social e económica no territorio”.
Finalmente, lembrou dous fitos importantes que está a desenvolver o Goberno galego no ámbito do sector mineiro como son, a promoción da figura dos municipios mineiros, unha ferramenta que pretende executar actuacións que centren na formación, o fomento dos recursos naturais, na recuperación ambiental e posta en valor do patrimonio mineiro; e por outro lado a convocatoria -despois de 13 anos- dos concursos dos dereitos mineiros nas catro provincias galegas.