As instalacións galegas implicadas no comercio de dereitos de gases de efecto invernadoiro reduciron un 24% as súas emisións en 2024
Os establecementos industriais de Galicia que participan neste mercado declararon o ano pasado a emisión dun total de 3,5 millóns de toneladas de dióxido de carbono, a cifra máis baixa da serie histórica, que se remonta a 2005
O sector que máis contribuíu a ese descenso foi o da produción de enerxía eléctrica froito do maior peso na xeración das renovables, como son a eólica e a hidráulica
Santiago de Compostela, 3 de abril de 2025
As instalacións galegas afectadas polo comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro reduciron o ano pasado as súas emisións un 23,7% en relación con 2023. Os máis dunha trintena de establecementos industriais que participan neste mercado europeo declararon o ano pasado a emisión de 3,5 millóns de toneladas de dióxido de carbono (CO2), o que supón 1,1 millóns de toneladas menos que no exercicio anterior e a cifra máis baixa da serie histórica, que se remonta a 2005.
Estas cifras -o resultado das declaracións que as empresas deste mercado remiten ao Rexistro Europeo de Comercio de Dereitos de Emisión- supoñen un paso máis da comunidade galega no seu obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2040 e reafirman ao Executivo galego na súa aposta por promover a redución das emisións de dióxido de carbono en todos os eidos, desde as actividades industriais ata as máis sinxelas relacionadas co día a día da cidadanía.
Por sectores, os datos do rexistro europeo recollidos pola Comisión Europea mostran que o que máis contribuíu a reducir as emisións de CO2 en 2024 foi o da produción de enerxía eléctrica, que as baixou preto dun 60% en relación co ano anterior. Esta mellora débese principalmente ao maior peso na xeración eléctrica de fontes renovables como son a eólica e a hidráulica fronte a outras con maior carga contaminante.
Ao balance positivo de Galicia nas emisións de dióxido de carbono durante o ano pasado tamén axudaron o descenso de arredor do 16% rexistrado polo sector de produción de pasta de papel e fabricación de papel e cartón e a baixada de preto do 13% nas instalacións dedicadas á produción de cemento, cal ou magnesita.
Os 1,1 millóns de toneladas de CO2 que deixaron de emitir en 2024 as instalacións existentes en Galicia que participan no mercado de dereitos de emisión equivalen ao dióxido de carbono que xeran nun ano arredor de 900.000 coches.
O comportamento dos establecementos industriais asentados en Galicia que participan no mercado de dereitos de emisión segue a mesma senda que o conxunto da comunidade nos últimos anos, nos que reduciu as emisións netas de gases de efecto invernadoiro un 19,5%, o triplo que o conxunto de España (6%) e da Unión Europea (6,1%).