Hoxe venres é o ultimo día para solicitar praza nas escolas infantís da Xunta de Galicia

O prazo para cursar a petición a través da sede electrónica da Administración autonómica remata ás 23,59 horas

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2025

A Xunta recorda que hoxe venres é o último día para solicitar praza nas súas escolas infantís 0-3 para o vindeiro curso 2025-2026. As familias interesadas teñen ata as 23,59 horas para cursar a súa petición a través da sede electrónica da Administración autonómica.

As escolas infantís da rede pública autonómica poñen a disposición das familias máis de 10.500 prazas, nas que a atención educativa é totalmente de balde. Galicia foi pioneira en facer gratuítas todas as escolas infantís para o 100% do alumnado, tanto as públicas, como as de iniciativa social e as de titularidade privada, sumando máis de 32.000 familias galegas que se poden beneficiar da gratuidade. Esta medida permite a Galicia liderar a taxa de escolaridade 0-3 en España, con máis dun 60%.

A Xunta segue reforzando aqueles servizos de conciliación por toda a comunidade que lograron situar a Galicia como unha referencia durante os últimos anos. Mostra disto é o Bono Concilia Familia, que na última convocatoria beneficiou a 15.000 familias; a Tarxeta Benvida, unha axuda directa para que as familias fagan fronte aos gastos polo nacemento dun bebé; ou as máis de 100 casas niño que existen por toda Galicia e que permiten crear un recurso de conciliación en concellos sen escola infantil.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/04/2025