A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, destacou o compromiso do Goberno galego “para revitalizar a cidade”

A Xunta asina co concello o convenio para abordar a rexeneración urbana de Ferrol, cun investimento de 12 M€

M. Allegue subliñou que o conxunto de actuacións que se desenvolverán supoñen “un proxecto fundamental para o despegue estratéxico de Ferrol e a súa rexeneración; é un proxecto de futuro que situará a Ferrol no lugar que merece”

Do investimento total, a Xunta aporta 9 millóns de euros e o Concello os 3 restantes

O convenio, que ten unha vixencia de 4 anos e foi autorizado no recente Consello da Xunta celebrado en Ferrol, prevé un conxunto de actuacións co obxectivo da rexeneración urbana de barrios declarados BIC, históricos e situados na traza do Camiño de Santiago

Haberá tres áreas de intervención: adquisición de edificios e solo para transformalos en infraestruturas sociais, sanitarias e culturais; rehabilitación de edificios emblemáticos; e reurbanización de rúas, prazas ou accesos

Entre as intervencións previstas destacan a adquisición de solares no barrio de San Xoán para equipamentos deportivos e sociais, rehabilitación de inmobles, acondicionamento do mercado da Magdalena ou do centro cívico de Caranza, entre outras

Ferrol, 4 de abril de 2025

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou hoxe co alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, o convenio recentemente autorizado no Consello da Xunta celebrado na cidade e que permitirá abordar a súa rehabilitación urbana, cun investimento de 12 millóns de euros. Ao acto, que tivo como escenario o campo de fútbol de San Xoán, asistiron tamén a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, así como a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas.

A conselleira puxo en valor este acordo no marco do compromiso do Goberno autonómico “para revitalizar esta cidade”, e subliñou que o plan supón “un proxecto fundamental para o despegue estratéxico de Ferrol e a súa rexeneración; en definitiva, un proxecto de futuro que situará Ferrol no lugar que merece”.

M. Allegue destacou a colaboración co Concello, materializada neste acordo e en actuacións en materia de vivenda ou co proxecto Abrir Ferrol ao Mar, e subliñou que o convenio ten unha vixencia de catro anos “pero traballamos desde xa conxuntamente para construír este futuro de cambio e de transformación para Ferrol, cidade que vai ser modelo e referente para toda Galicia”.

Do citado investimento de 12 millóns, a Xunta aportará 9 millóns de euros. En concreto, o convenio prevé un conxunto de actuacións co obxectivo da rexeneración urbana de barrios declarados BIC, históricos e situados na traza do Camiño de Santiago. Así, o proxecto céntrase en tres áreas de intervención: adquisición de edificios e de solo e a súa adecuación para transformalos en infraestruturas sociais, sanitarias e culturais; rehabilitación de edificios emblemáticosde edificios públicos para recuperar espazos emblemáticos co fin de promover actividades comunitarias e económicas; e a reurbanización de rúas, prazas e accesos, para renovar zonas urbanas e garantir a conectividade e sostibilidade do tecido urbano.

No marco da primeira área, inclúense varias actuacións no barrio de San Xoán, como a adquisición dos solares para equipamento deportivo e para o centro de saúde. Tamén prevese o acondicionamento doutro local no barrio Ultramar para centro social e outro en Caranza tamén para centro social.

Ademais, prevese a adquisición do edificio na rúa Magdalena deseñado por Rodolfo Ucha para a súa rehabilitación, así como o dun solar na Graña para habilitar 60 prazas de aparcamento e outro solar para acadar un espazo multifuncional na avenida Breogán e rúa Espartero, en Ferrol Vello.

No que se refire ao segundo eixo de actuación, acometerase o acondicionamento do centro cultural Carvalho Calero, do equipamento social en Recimil, do Mercado da Magdalena ou do centro cívico de Caranza.

E, por outra banda, na terceira liña de acción, o convenio inclúe as obras de reurbanización da rúa Rubalcava; de mellora da accesibilidade en Caranza ou de comunicación peonil entre os barrios da Magdalena e Canido, así como o redeseño do Parque O Montón. Tamén se prevé a remodelación da praza do Inferniño ou a rehabilitación da rúa Brasil, entre outras actuacións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/04/2025