O presidente visitou esta semana as instalacións da Armada en Tui e asistiu á inauguración dun cruceiro elaborado polos alumnos do CIFP de Cantería de Galicia
Rueda destaca o papel clave da Comandancia Naval do Miño na seguridade transfronteiriza e na cooperación con Portugal
Subliña o papel esencial da organización “na loita contra a pesca ilegal e a protección dos recursos naturais do río”
Compromete o apoio da Xunta para o fortalecemento das relacións institucionais coa Comandancia
Tui (Pontevedra), 6 de abril de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta semana as instalacións da Comandancia Naval do Miño, onde destacou a importancia desta institución na seguridade, vixilancia e cooperación estratéxica entre Galicia e o Norte de Portugal.
Rueda subliñou o papel esencial da Armada na “loita contra a pesca ilegal e a protección dos recursos naturais do río Miño”. O presidente expresou o seu agradecemento a todos os profesionais integrantes da unidade, resaltando o seu compromiso “coa seguridade cidadá e coa defensa das augas fronteirizas”.
“O voso esforzo diario garante a tranquilidade na navegación e reflicte un compromiso exemplar co servizo público”, afirmou o titular do Goberno galego, que tamén fixo fincapé na relevancia da cooperación con Portugal. Neste senso, destacou que a colaboración transfronteiriza entre as forzas de seguridade e os corpos de emerxencias de ambos países é un “exemplo de integración e entendemento”, fortalecendo os lazos históricos e institucionais que unen Galicia e o norte de Portugal.
O xefe do Executivo autonómico reafirmou o compromiso do Goberno galego co fortalecemento das relacións institucionais coa Comandancia Naval. “Somos conscientes da importancia do voso labor, e reiteramos o noso firme apoio ao voso cometido”, asegurou.
Instalación de cruceiro
A visita coincidiu coa inauguración dun cruceiro típico da tradición canteira, froito do acordo de colaboración asinado en 2024 entre o CIFP de Cantería de Galicia e a Comandancia Naval. A obra, instalada de xeito permanente no recinto exterior do centro, conta cunha altura de tres metros e cos elementos sen figuración típicos: pasos, dado, varal, e cruz.
Rueda puxo en valor o traballo realizado polo profesorado e o alumnado do CIFP de Cantería de Galicia, e ideado na clase maxistral do escultor Francisco Castro. “Estamos ante unha combinación de talento e tradición que demostra o enorme nivel da FP galega”, subliñou.