Aneiros destaca o labor desenvolvido no espazo de preservación familiar de Ferrol que atendeu a dez familias con menores en risco durante o pasado ano
A delegada territorial de Ferrol visitou esta mañá este recurso autonómico localizado en Santa Mariña, onde fixo balance do programa desenvolvido nestas instalacións inauguradas o pasado mes de outubro
Este servizo ten por obxectivo apoiar ao menor no seu núcleo familiar evitando a adopción doutras medidas de protección
Ferrol, 7 de abril de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o espazo de preservación familiar de Ferrol no que foron atendidas o pasado ano dez familias e 16 menores derivados dos servizos sociais municipais.
Tal e como explicou Aneiros, nestas instalacións que a Consellería de Política Social e Igualdade abriu o pasado ano en Santa Mariña ofrécese un servizo integral de apoio psicolóxico, social e educativo para nenos e adolescentes en situación de risco leve de desprotección e as súas familias. “Trátase de cubrir as necesidades básicas dos nenos, nenas e adolescentes e mellorar a súa contorna familiar, educativa e hixiénico-sanitaria, nunhas condicións que permitan o seu desenvolvemento, mantendo ao neno na súa propia familia”, explicou a responsable autonómica.
O de Ferrol é un dos tres espazos de preservación familiar de toda Galicia, xunto aos que están habilitados nas comarcas do Salnés e o Barbanza, no que a Xunta desenvolve este programa gratuíto para as familias e que xestionan a Fundación Meniños e a asociación Arela con financiamento autonómico.
A delegada territorial puxo en valor o labor que se realiza nestes centros para apoiar e orientar aos máis pequenos e ao seu entorno familiar en situación de desprotección para o que contan co asesoramento de expertos en psicoloxía, pedagoxía, integración social e educadores “co fin de evitar que estas situacións alcancen a gravidade que xustifique unha medida de separación do menor da súa familia”, aclarou.
No 2024 a Xunta atendeu a través destes servizos a un total de 251 menores -158 nenos e 93 nenas- e 173 familias -138 homes e 2023 mulleres- en toda Galicia.