A Xunta ofrece 550 prazas esta Semana Santa para coñecer as Illas Atlánticas con rutas guiadas

Máis de 130 prazas están dispoñibles en liña na central de reservas do Parque Nacional e o resto asignaranse no mesmo día nas casetas de información das illas  

Estas visitas, dirixidas por guías profesionais do parque nacional, pretenden dar a coñecer entre os visitantes o patrimonio natural e ambiental dos arquipélagos así como aspectos destacados da súa historia

Todos os itinerarios, entre os que se inclúen algúns específicos para menores de idade, están pensados para grupos reducidos cos que garantir unha experiencia de calidade e personalizada promovendo ao mesmo tempo a preservación da contorna

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2025

A Xunta de Galicia ofrece durante esta próxima Semana Santa un total de 550 prazas para coñecer as illas Atlánticas, a través de rutas guiadas de carácter gratuíto. Delas, preto de 135 poden reservarse xa en liña a través da central de reservas do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia mentres que o resto estarán dispoñibles de forma presencial nas casetas de información instaladas nas illas Cíes e Ons. 

Estas visitas, dirixidas por guías profesionais do parque, pretenden dar a coñecer aos visitantes o patrimonio natural e ambiental dos arquipélagos así como aspectos destacados da súa historia. Todas as rutas están pensadas para grupos reducidos para garantir unha experiencia de calidade e o máis personalizada posible, á vez que se preserva a contorna natural.

No caso das illas Cíes e Ons ofrécense rutas guiadas todos os días con diferentes horarios, percorridos e contidos combinando temas de fauna, flora, paisaxe, xeoloxía e historia. A maiores, tamén se pode reservar praza para realizar unha ruta guiada a un miradoiro, que se celebrará ás 12,00 horas os días 13, 17, 18, 19 e 20 de abril.

Estas rutas están pensadas para adultos, pero a oferta do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia tamén inclúe propostas máis familiares recomendadas para menores de idade, de entre os 5 e os 12 anos. Así, a través da actividade Detectives na praia, os participantes descubrirán os rastros de animais e algas que o mar deixa sobre a praia e investigarán sobre a vida destas especies mariñas. Esta actividade celebrarase o día 15 de abril pola tarde en Cíes e o domingo 20 de abril pola mañá en Ons.

No caso da illa de Cortegada, a ruta guiada O segredo dun bosque no medio do mar, que se celebrará o domingo 20 de abril pola mañá, terá un carácter histórico e botánico. En canto á ruta Sálvora: esculturas e lendas, as rochas da paisaxe, do faro, da aldea e do pazo serán o eixo da visita que terá lugar o mércores 16 de abril pola mañá. As prazas para realizar estas rutas guiadas poderán reservarse unicamente a través da central de reservas do Parque.

Cómpre lembrar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas vén ofrecendo de forma case ininterrompida este tipo de itinerarios guiados e de balde por Cíes e Ons, coincidindo cos períodos nos que se ofrece o servizo de transporte regular en barco a ambos arquipélagos. 

A maiores, en todas as illas, existen itinerarios sinalizados pensados para visitantes que queiran practicar sendeirismo neste espazo natural. Cada unha destas rutas está marcada cunha cor e tanto nas propias illas como na web do parque hai dispoñibles folletos explicativos cos percorridos.

En todo caso, para poder acceder ao Parque Nacional esta Semana Santa é imprescindible tamén adquirir un billete de barco con calquera das navieiras autorizadas a operar o servizo de transporte regular ás illas. Será nese momento, unha vez comprado o billete, cando a autorización de acceso outorgada pola Xunta quede confirmada e se lle remitirá por correo electrónico ao solicitante, que poderá descargala se o prefire desde a propia páxina web.

En Cortegada e Sálvora non hai transporte regular polo que é o propio Parque quen xestiona o barco, pero o prezo do billete debera ser abonado polos participantes previamente á realización da ruta seguindo as indicacións que recibirá.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/04/2025