A Xunta recibe 8 ofertas para as obras de reforzo do firme en varias estradas autonómicas ao paso por 8 concellos da Coruña, nas que investirá 2,9 M€
Os traballos desenvolveranse nas estradas AC-419, AC-432, AC-441, AC-442 e outras, ao seu paso polos concellos coruñeses de Malpica, Ponteceso, Vimianzo, Camariñas, Santa Comba, Mazaricos, Zas e Dumbría
En total, os traballos beneficiarán a unha poboación de preto de 43.000 habitantes dos oito concellos
Todas as intervencións de acondicionamento do firme completaranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos de actuación de todas as estradas e a reposición dos treitos de barreira de seguridade que sexa preciso
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2025
A Xunta vén de recibir 8 ofertas de empresas para as obras de reforzo de firmes nas estradas autonómicas AC-419, AC-432, AC-441, AC-442 e outras, ao seu paso polos concellos coruñeses de Malpica, Ponteceso, Vimianzo, Camariñas, Santa Comba, Mazaricos, Zas e Dumbría. Nestes traballos, a Administración autonómica inviste 2,9 millóns de euros.
Máis polo miúdo, no caso da AC-419, os traballos desenvolveranse en 11 quilómetros da estrada ao seu paso polos concellos de Malpica e Ponteceso. Concretamente, en 1,9 quilómetros no municipio de Malpica de Bergantiños, e 9,3 ao paso por Ponteceso.
Ademais, a actuación tamén se desenvolverá noutras 3 estradas da provincia da Coruña (AC-432, AC-411 e AC-442) ao paso polos concellos de Vimianzo, Camariñas, Santa Comba, Mazaricos, Zas e Dumbría. En total, os traballos beneficiarán a unha poboación de preto de 43.000 habitantes dos oito concellos.
Todas as intervencións de acondicionamento do firme completaranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos de actuación de todas as estradas e a reposición dos treitos de barreira de seguridade que sexa preciso.
A intervención enmárcase no compromiso da Xunta por manter as vías de titularidade autonómica nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria.