Rueda solicita ao Parlamento a celebración do debate do estado da autonomía á volta de Semana Santa

Apunta que servirá para falar en profundidade de todas as políticas que interesan á cidadanía galega

Lembra que no presente ano Galicia bateu o récord de consignación orzamentaria para a sanidade pública

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2025

O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que esta semana solicitará ao Parlamento de Galicia a celebración do debate do estado da autonomía “inmediatamente despois de Semana Santa”.

O presidente da Xunta realizou este anuncio durante a sesión de control no Pleno do Parlamento respondendo as preguntas dos grupos parlamentarios. Segundo afirmou, este “debate de política xeral” servirá para falar de “todo aquilo que interesa aos galegos”, como son os servizos públicos fundamentais, o futuro industrial, a I+D+i, a cultura ou a lingua.

Tamén durante a sesión de control, Rueda referiuse á situación da sanidade pública na nosa Comunidade, afirmando que o Goberno galego vai seguir “traballando con firmeza” para mellorar a súa “excelente calidade”, pero poñendo en valor as súas actuais e futuras infraestruturas, persoal e servizos.

Neste sentido, sinalou que durante o presente ano bateuse o récord de consignación orzamentaria para a sanidade pública, a terceira Comunidade que máis inviste en relación co seu orzamento. Outros datos apuntados polo presidente foron o incremento do orzamento nun 5,4 % desde o ano pasado na atención primaria, os 43.700 profesionais contratados —máximo histórico— e as 1.400 prazas que se crearán este ano, o incremento dun 5,6 % do número de operacións e dun 10,9 % no caso das operacións de prioridade 1, a redución de 6,2 días no tempo para facer probas diagnósticas ou a incorporación de 7 novas patoloxías no sistema de vía rápida.

Finalmente, en materia de saúde mental, Rueda lembrou que Galicia nos últimos catro anos “duplicou o número de profesionais” e aumentou nun 33% o de psicólogos clínicos nese mesmo período de tempo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/04/2025