A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas interveu esta mañá no Parlamento de Galicia
María M. Allegue denuncia o “boicot permanente” do Goberno central contra os intereses dos galegos en relación á autoestrada estatal AP-9
Allegue criticou que as subas de tarifas na AP-9 son desproporcionadas, maiores que no resto das autoestradas estatais
Lamentou que o Ministerio de Transportes non aborde un posible rescate da concesión, pois o custo sería equiparable ao das subvencións a futuro das peaxes
Lembrou que veñen de cumprirse 27 prórrogas no Congreso para a proposición de Lei do traspaso da AP-9, sumando 42 desde o inicio do Goberno de Pedro Sánchez
Subliñou que as autoestradas autonómicas, A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57), teñen as peaxes máis baixas de España, grazas ás bonificacións implantadas pola Xunta en 2010 e ás conxelacións de tarifas dos últimos anos
Sinalou que o custe medio por quilómetro para un usuario das autoestradas galegas é un 6,5% inferior ao da AP-9 e un 11,6% menor ao da AP-53, entre Dozón e Santiago
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2025
María Martínez Allegue denuncia o “boicot permanente” do Goberno central contra os intereses dos galegos en relación á autoestrada estatal AP-9.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas subliñou hoxe no Parlamento que as subas de tarifas na AP-9 son desproporcionadas, maiores que no resto das autoestradas estatais.
Criticou que o Ministerio de Transportes non atenda as peticións da Xunta para manter un encontro e abordar un posible rescate da concesión, pois o custo sería equiparable ao das subvencións a futuro das peaxes. Indicou que “en Madrid din que non é viable e o PSdG en Galicia di o contrario”.
Lamentou que veña de cumprirse no que vai de lexislatura a vixésimo sétima prórroga no Congreso para a proposición de Lei do traspaso da AP-9, sumando 42 desde o inicio do Goberno de Pedro Sánchez.
Contrapuxo a política aplicada pola Xunta nas autoestradas autonómicas, xa que cada ano se están a mellorar as condicións nas que os galegos empregan a vía A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57).
Remarcou que Galicia ten as autoestradas autonómicas coas peaxes máis baixas de España, grazas ás bonificacións que aplica desde 2010 e ás conxelacións de tarifas dos últimos anos.
Lembrou que a Xunta foi pioneira en aplicar as bonificacións aos usuarios que fixeran o traxecto de volta nas seguintes 24 horas á ida, non só no día natural, unha medida que replicou o Estado. Tamén se activaron bonificacións adicionais en horario nocturno e para familias numerosas. En contraposición a estas medidas, salientou que “o Bipartito non fixera nada”.
O Goberno galego está a destinar un ano máis, 5,5M€ a manter todos estes descontos nas peaxes que benefician a case 28.000 usuarios cada día.
Precisou que o custe medio por quilómetro dun usuario que circula polas autoestradas galegas é un 6,5% inferior que o da AP-9 e un 11,6% menor que o custo de usar a AP-53, entre Dozón e Santiago.
Ademais recordou que os usuarios da AP-53 levan agardando 23 anos para ver aprobados os primeiros descontos. Lamentou a confusión na información trasladada aos galegos, pois primeiro o candidato do PSdG indicou que se activarían o 1 de maio e logo o ministro Óscar Puente adiantou os descontos a esta semana.