O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración compareceu no Pleno do Parlamento para explicar as liñas mestras do novo Plan estratéxico de comercio de Galicia
A Xunta pon o foco na remuda xeracional e na atracción da mocidade como pancas prioritarias no futuro do comercio local e dos oficios tradicionais
José González debullou as principais novidades desta planificación con horizonte 2030, que recolle 74 accións específicas que mobilizarán máis de 320 millóns de euros a prol de incrementar a competitividade, visibilidade e gobernanza do sector
Destacou a importancia de conectar coas novas xeracións co programa ‘Localízate’ e promovendo futuras vocacións emprendedoras para garantir o relevo co apoio da rede de Polos, avanzando na atención especializada en emprendemento comercial
Salientou outras medidas pioneiras incluídas no Plan como a creación dun gran marca do comercio galego ou o proxecto singular ‘Vilas vivas’ para a recuperación das contornas comerciais en localidades senlleiras
Tamén subliñou o reforzo do papel de grandes axentes motores do territorio, avanzando na excelencia dos centros comerciais abertos e potenciando as prazas de abastos e as súas sinerxías coa contorna a través da iniciativa ‘Prato de mercado’
Agradeceu a todos os axentes implicados a súa colaboración no proceso de diagnose e destacou o traballo realizado pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Comercio, coa participación activa de máis de 300 representantes
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2025
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, compareceu esta mañá a petición propia no Pleno do Parlamento galego para dar conta do novo Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, unha planificación que recolle 74 accións específicas que mobilizarán máis de 320 millóns de euros nos vindeiros anos para potenciar e incrementar a competitividade, visibilidade e gobernanza dun sector que abrangue 32.000 establecementos e xera 107.000 empregos.
Neste marco, José González destacou a aposta estratéxica no impulso de medidas orientadas especificamente á remuda xeracional e á conexión coa mocidade, tanto atraendo ás novas xeracións en clave de consumidores —con novidosas campañas como Localízate, dirixida a que a rapazada de entre 12 e 18 anos xere vencellos de valor co comercio de proximidade— como atraendo vocacións emprendedoras, en sinerxía con outras medidas xa en marcha da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, como a Rede de polos de emprendemento —con asesoramento gratuíto a calquera persoa que quere poñer en marcha un negocio en Galicia e que avanzarán na especialización en emprendemento comercial— ou o apoio prioritario ao emprego autónomo, con liñas como a cota cero ou o Bono Remuda para promover a transmisión de negocios xa asentados. Tamén salientou outras accións pioneiras incluídas no Plan, entre as que destacou a creación dun marca unificada do comercio galego que contribúa a transmitir a calidade e o servizo que presta ou a aposta pola recuperación de contornas comerciais urbanas de localidades senlleiras co proxecto singular Vilas vivas, que promoverá a recuperación e alugueiro de baixos comerciais en desuso para o impulso de experiencias de comercio efémero. Tamén destacou a futura acción Prato de mercado, que promoverá sinerxías entre as prazas de abastos e os restaurantes das súas contornas.
Un plan á medida do sector
José González agradeceu a todos os axentes implicados a súa colaboración no proceso de diagnose e destacou o traballo realizado pola Xunta en colaboración coa Federación Galega de Comercio, con máis de 300 representantes de federacións e asociacións de comerciantes, centros comerciais abertos, prazas de abastos, venda ambulante, grandes superficies, artesás, autónomos, cámaras de comercio, persoas consumidoras e administración local, así como as máis de 230 visitas, 70 reunións e 24 mesas locais de comercio mantidas no último ano.
Así, na súa intervención, debullou en detalle os tres eixos que rexen a planificación. Atendendo ao primeiro deles, a competitividade, sinalou aspectos clave como o fomento da dixitalización —contemplando accións pioneiras como a creación de espazos de demostración tecnolóxica para os comerciantes nos recintos feirais de Galicia—, a aposta pola modernización dos espazos comerciais ou o incremento da capacitación profesional, coa posta en marcha, por exemplo, de microformacións dixitais en temáticas moi específicas de interese para o día a día dos negocios ou dun plan de formación para os xerentes dos centros comerciais abertos e prazas de abastos. No que respecta ao segundo dos eixes, orientado a promover a visibilidade e o consumo no comercio local —e xunto con medidas estrela como os Bonos Activa Comercio ou as xas mencionadas Vilas vivas, Prato de mercado e Localízate—, destacou as medidas a prol de figuras clave do comercio galego, como os centros comerciais abertos —potenciando a súa excelencia—, o comercio ambulante —coa promoción do distintivo de calidade Feiras de Galicia— e os obradoiros artesanais —estimulando diferentes vías de comercialización de Artesanía de Galicia e artellando novos programas de divulgación como Artesanía na escola—. Finalmente, explicou que o terceiro eixe se enfocará na colaboración público-privada e a gobernanza, con medidas como a creación da nova Mesa do Comercio Galego, instrumento clave para a axeitada colaboración de todo o ecosistema e as administracións públicas.
Para reforzar o esforzo estratéxico que está a impulsar a Xunta para o sector, José González lembrou a necesidade de colaboración do Goberno central, sinalando a reclamación realizada á secretaria de Estado de Comercio de que Galicia poida acceder a fondos europeos sen executar para potenciar o impulso de medidas singulares a prol do comercio de proximidade.