Antonio Gómez Caamaño, acompañado do delegado da Xunta, Javier Arias, e do xerente da área sanitaria, Ramón Ares, remarca a enorme contribución destes profesionais ao sistema sanitario e á vida de miles de pacientes

O conselleiro de Sanidade agradece a súa dedicación e esforzo aos 178 traballadores da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos que se xubilaron no 2024

Subliña que o tributo aos traballadores e traballadoras que se xubilan é especialmente merecido nos que entregaron a súa vida laboral á sanidade pública, cun plus de dedicación e de implicación persoal

Sinala o capital humano como un dos piares fundamentais do sistema sanitario

Lugo, 10 de abril de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, agradeceu a súa dedicación e esforzo aos 178 traballadores e traballadoras da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos que se xubilaron no 2024.

O titular da carteira sanitaria, acompañado do delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e do xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, asistiu, no salón de actos do Hospital Lucus Augusti, ao acto de homenaxe a estes empregados do Servizo Galego de Saúde.

Na súa intervención Gómez Caamaño dixo que o tributo aos traballadores que se xubilan é especialmente merecido cando se fala de persoas que entregaron a súa vida laboral á sanidade pública, polo plus de dedicación e de implicación persoal para o exercicio deste servizo público.

O conselleiro sinalou o capital humano como un dos piares fundamentais do sistema sanitario e remarcou o respecto que merecen todos os profesionais da saúde.

Deste grupo de profesionais que se xubilan, o conselleiro destacou que son testemuñas directas da evolución da sanidade a todos os niveis, desde as infraestruturas, con fitos como a estrea do Hospital Lucus Augusti ou o Centro Integral de Saúde do Barrio da Residencia, o equipamento, as tecnoloxías e as novas formas de asistencia aos pacientes.

Tamén remarcou que os últimos anos do exercicio laboral destas persoas estivo marcado pola pandemia, que puxo en primeira liña da defensa á sanidade, convertendo a moitos dos seus profesionais en auténticos heroes.

O conselleiro rematou a súa intervención incidindo en que o legado destes profesionais permanecerá gravado en cada lugar e persoa que tivo a sorte de poder contar con eles.

Data de actualización: 10/04/2025