A Xunta activa o convenio con Farmamundi para atender a poboación en situación de maior vulnerabilidade afectada polo terremoto do 28 de marzo en Myanmar
A intervención centrarase en proporcionar asistencia humanitaria e cobertura das necesidades inmediatas nas dúas rexións máis afectadas polo terremoto, o centro e noroeste de Myanmar
O Goberno galego achega 10.000 euros co obxectivo de asistir a unhas 875 persoas en situación de especial vulnerabilidade durante cinco meses
A intervención enmárcase nos convenios anuais de resposta ante emerxencias con Farmamundi, que desde 2009 supuxo a mobilización de máis de 1,1M€
Santiago de Compostela, 13 de abril de 2025
A Xunta activa o convenio con Farmamundi para realizar unha intervención de emerxencia en Myanmar logo do terremoto de magnitude 7,7 e as súas réplicas que sacudiron o centro e sur do país asiático. O Goberno galego destinará un orzamento de 10.000 euros para atender a unhas 875 persoas, a maioría mulleres e menores de idade, en situación de especial vulnerabilidade nas rexións centro e noroeste, as máis afectadas polo sismo.
As principais actuacións serán a asistencia médica de emerxencia e a distribución de medicamentos e unidades de convivencia, tanto para protección das inclemencias meteorolóxicas como de distribución materiais de hixiene persoal e utensilios básicos de cociña e do fogar.
A distribución de medicamentos e material sanitario ás estruturas de saúde máis afectadas beneficiará a polo menos 500 persoas que reciben asistencia médica de emerxencia. A distribución de bens básicos de acubillo protexerá a 25 familias (aproximadamente 125 persoas) máis vulnerables das duras condicións meteorolóxicas, reducindo a exposición a riscos sanitarios, o que permitirá restablecer a súa sensación de seguridade e estabilidade durante a fase de recuperación. E polo menos 50 unidades de convivencia (unhas 250 persoas) recibirán kits de nutrición e de hixiene básicos co obxectivo de promover a hixiene persoal e axudar as familias a restablecer as súas rutinas domésticas.
Para levar a cabo estas actuacións, Farmamundi traballará con The National Council of YMCAs of Myanmar e con United Purpose (UP), unha ONG que leva traballando en Myanmar, Bangladesh e outros países limítrofes máis de 25 anos.
Agravamento dunha crise previa
O 28 de marzo un forte terremoto de magnitude 7,7 sacudía Myanmar, con epicentro nas cidades de Mandalay e Sagaing. Os tremores notáronse en todo o país e máis aló. En cuestión de minutos produciuse un novo sismo de magnitude 6,4 ao sur do país e, dende entón, rexistráronse 28 réplicas, ningunha menor de magnitude 5. Este terremoto chega meses despois do tifón Yagi, que deixara 200 mortos e provocara grandes inundacións e corrementos de terra, arruinando centos de miles de cultivos, en setembro do 2024.
Myanmar tamén vive unha guerra civil dende hai catro anos, que xa obrigou ao desprazamento forzado de máis de 3,5 millóns de persoas, segundo a ONU, con escasas ou nulas posibilidades de acceder a necesidades básicas como atención médica ou comida. Ademais, o férreo control da Xunta Militar ao mando retrasou a resposta humanitaria, xa que dificultou recompilar a información necesaria para que Farmamundi puidera coordinarse cunha entidade local coa que responder de maneira efectiva á emerxencia.
Atención ás poboacións máis vulnerables
Dende o ano 2009 ata agora asináronse convenios anuais de resposta ante emerxencias coa organización Farmamundi por máis de 1,1 millón de euros, incluíndo a contía do recente convenio deste ano no que se buscou mellorar a atención sanitaria da poboación desprazada en Uganda e na república Democrática do Congo.
O obxectivo desta colaboración constante entre a Xunta e Farmamundi é realizar as actuacións que ambas partes establezan, de cara a atender as necesidades máis urxentes das poboacións afectadas por catástrofes de orixe natural ou humano, con especial énfase nos colectivos máis vulnerables, mediante a provisión inmediata de bens e servizos esenciais para a supervivencia (auga, abrigo, medicamentos, atención sanitaria ou outro material de primeira necesidade) e paliar o sufrimento das poboacións afectadas por crises de longa duración e desequilibrios crónicos e estruturais, con énfase en países e poboacións de menor Índice de Desenvolvemento Humano (IDH).