O presidente da Xunta participou na X Romaría Internacional de Abanca

Rueda defende a Galicia do exterior como un motor clave para a atracción de talento e o crecemento da comunidade

Salienta a importancia da colaboración entre as institucións e as entidades financeiras estratéxicas para impulsar o crecemento do tecido empresarial e o apoio ás pemes e autónomos

Destaca a transcendencia de manter os lazos coas comunidades no estranxeiro e promover o retorno dos galegos e os seus descendentes para seguir facendo un país máis competitivo e acolledor

Leiro (Ourense), 26 de xullo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu hoxe a forza e o compromiso da Galicia do exterior, á que definiu como un “elemento esencial” da identidade galega que mantén vivo o prestixio da comunidade en todo o mundo e supón, ao mesmo tempo, un motor clave para a atracción de talento e o desenvolvemento do país: “Esa Galicia Calidade é unha Galicia optimista, que vai seguir medrando, que vai atraer investimentos e que é unha fonte de oportunidades”, apuntou.

Así o destacou durante a súa participación na X Romaría Internacional de Abanca, celebrada no Mosteiro de San Clodio, no concello ourensán de Leiro, onde estivo acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González.

Nesta cita, que reuniu a representantes do tecido económico e social de diferentes países con vínculos coa comunidade, o titular do Executivo autonómico destacou a importancia da colaboración público-privada para acadar grandes obxectivos compartidos. Ao respecto, Rueda subliñou a contribución de Abanca ao financiamento do tecido empresarial e produtivo, no desenvolvemento e vertebración do rural e no impulso de proxectos de interese social, como as liñas para facilitar o acceso á vivenda, destacándoa como “un aliado para a Galicia que quere medrar”.

O presidente da Xunta reafirmou tamén o carácter acolledor e aberto da comunidade, situándoa como un territorio competitivo e atractivo para a captación de investimentos e a posta en marcha de novas iniciativas empresariais. Puxo en valor o papel histórico e actual da emigración na construción de Galicia, un legado que o Goberno autonómico ten moi presente e que recoñece de xeito constante. Como mostra disto, lembrou a recente concesión das Medallas de Galicia a catro mulleres do exterior con raíces galegas, nas que a Xunta quixo “simbolizar a importancia que ten a Galicia exterior”, e aproveitou para darlles de novo as grazas a estas catro mulleres por “non esquecer cales son as vosas raíces e a vosa identidade”. 

Fomento do retorno e atracción do talento

Co obxectivo de seguir facilitando o camiño aos emprendedores e ao tecido empresarial, nos últimos anos a Xunta activou ferramentas pioneiras, entre as que destaca a Oficina Económica de Galicia, deseñada para axilizar trámites administrativos e ofrecer asesoramento directo e personalizado.

Ademais, o presidente remarcou que o talento é un dos principais activos estratéxicos para o desenvolvemento económico e social da comunidade. Por este motivo, incidiu na firme aposta da Administración autonómica por promover o regreso dos galegos no exterior e dos seus descendentes a través de programas xa consolidados, como a Estratexia Galicia Retorna ou a liña de bolsas BEME para a realización de estudos universitarios de posgrao: “Sempre ides ser benvidos na que é a vosa terra. Esta terra que medra en boa medida grazas a vós. E neste 2027 imos demostrar que sabemos facer as cousas, como mínimo, igual de ben que quen mellor as sabe facer”, rematou Rueda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/07/2026