A Xunta inaugura a nova biblioteca escolar do colexio CEIP plurilingüe de Antas de Ulla, un espazo de referencia para o fomento do hábito lector

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visita o espazo renovado ao abeiro do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 

Antas de Ulla (Lugo), 11 de abril de 2025

 A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Colexio CEIP Plurilingüe de Antas de Ulla para inaugurar a súa nova biblioteca escolar, un espazo renovado ao abeiro do Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe) impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e ao que o centro se incorporou no curso 2023-24. En concreto, neste programa deseñado para fomentar o hábito lector, participan un total de 107 centros educativos da provincia de Lugo. 

Durante a visita, destacou que as bibliotecas escolares “son espazos clave para impulsar a aprendizaxe, a inclusión e o pensamento crítico no alumnado”, e puxo en valor o compromiso do centro coa dinamización da súa biblioteca que, ao abeiro do Plambe, recibiu preto de 11.000€ da Xunta de Galicia para ampliar os seus fondos bibliográficos e renovar o mobiliario e o equipamento, así como instalar unha aula sensorial. 

Neste senso, a representante da Consellería de Educación animou ao equipo docente e aos alumnos a “sacarlle o máximo partido” a este novo espazo onde se pode combinar o fomento da lectura co uso da tecnoloxía e traballar aspectos clave como a comunicación e o traballo en equipo. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/04/2025