A Xunta informa ás entidades usuarias do complexo deportivo de Elviña I do inminente inicio das obras de mellora

O xerente da Fundación Deporte Galego e a empresa concesionaria reuníronse con representantes dos clubs 

Manteranse os servizos de fitness, natación e actividades dirixidas, e haberá peches temporais do pavillón e dos campos de fútbol

O obxectivo é dotar a cidadanía de instalacións deportivas axeitadas para a práctica do deporte e da actividade física

A Coruña, 11 de abril de 2025

A Xunta abordou hoxe coas entidades usuarias do Complexo Deportivo de Elviña I o inminente inicio das obras de mellora, que contará cun investimento de 2,8 millóns de euros. Segundo informaron o xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, e responsables da empresa concesionaria, Forus, nunha xuntanza mantida hoxe con representantes das entidades usuarias das instalacións co obxectivo é compaxinar a reforma co uso das instalacións, nas que haberá peches parciais dos espazos. 

Así, manteranse os servizos de fitness, natación e actividades dirixidas,  mentres que o pavillón e os campos de fútbol permanecerán pechados do 2 de maio ao 24 de outubro no primeiro caso e do 2 de xuño ao 3 de outubro no segundo. As gradas do campo de fútbol e a galería pecharanse tamén do 2 de xuño ao 21 de novembro. Deste xeito, prevese que a finais de ano estean rematadas as actuacións previstas.

No pavillón renovarase a cuberta e a estrutura, ademais de substituír a tarima de madeira, nos campos de fútbol renovarase o céspede artificial e instalarase un novo sistema de iluminación, e nas gradas e galería do campo de fútbol realizaranse melloras na cuberta, na estrutura e no pavimento de acceso. A substitución do céspede supón un custo a maiores de 650.000 euros.   

Cómpre lembrar que actualmente empregan este complexo o Club Basquet Coruña, Ural-Español C.F., Victoria C.F., Atlético Coruña Montañeros Club de Fútbol, Oza Juvenil S.D., Impérator O.A.R, Club Silva S.D, o club de fútbol Liceo de Monelos S.D., Relámpago S.D., a escola de patinaxe Galicia Rollers, o club de patinaxe ADC Alquimia Inline, Club Baloncesto Xerion e o C. D. Seguridade Galega de fútbol sala. 

A reunión enmárcase no contacto continuo e diálogo coas entidades e atenderanse peticións individuais de espazos ou instalacións ante necesidades puntuais dos clubes implicados, das que se estudará a súa posible viabilidade.

No encontro informouse tamén das actuacións de urxencia que se está a executar no complexo da Sardiñeira para a reparación da cuberta, cun investimento superior aos 300.000 euros e que se prolongarán ata setembro.

Melloras nas instalacións deportivas coruñesas

As melloras no Complexo  Deportivo de Elviña I súmanse ás realizadas o pasado ano no de Monte das Moas cun investimento superior aos 762.000 euros e en 2023 nos pavillóns de Monte Alto e Agra II por importe de 490.000 e 444.000 euros respectivamente. A maiores, están previstas obras en Elviña II por un montante de máis de 1 millón de euros.

As iniciativas enmárcanse no compromiso do Goberno galego co benestar e a saúde da cidadanía, dotando a poboación galega dunhas instalacións deportivas axeitadas para a práctica do deporte e a actividade física. 

Así, xunto con proxectos coma estes a Xunta destinou en 2024 uns 22 millóns de euros a 400 actuacións en infraestruturas deportivas da comunidade. Neste montante, inclúense 17,5 millóns en instalacións de titularidade autonómica, municipal ou de entidades deportivas, así como os proxectos beneficiarios das axudas de 5 millóns de euros do fondo adicional de Fondo de Cooperación Local para melloras de eficiencia enerxética nestas instalacións. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/04/2025