A Xunta licita por 8,2 millóns de euros o servizo de lavandería da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

O contrato terá unha duración de 36 meses e prevé unha posible prórroga por 12 meses máis

Segundo as estimacións, os tres distritos sanitarios da área ourensá procesan unha media de 1,9 millóns de quilos de roupa ao ano

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o 6 de maio para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2025

O Portal de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe na súa web a licitación do contrato para a prestación dos servizos de lavandería dos centros sanitarios da área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras por importe de 8.276.400 euros.

Segundo as estimacións, a través deste contrato procesaranse unha media de 1,9 millóns de quilos de roupa ao ano, en concreto: 1,6 millóns de quilos pertencentes ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; 140.000 quilogramos do Hospital Público de Valdeorras; e outros 145.000 do Hospital Público de Verín.

Ademais da recollida da roupa nos puntos e horarios habilitados, o servizo inclúe o lavado, desinfectado, secado, seleccionado, repasado e empaquetado.

O contrato terá unha duración de 36 meses, prevéndose unha posible prórroga por 12 meses máis.

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o 6 de maio para enviar as súas ofertas.

Data de actualización: 14/04/2025