A Xunta licita por 1,1 M€ o servizo de recollida, transporte e distribución de mostras clínicas dos centros dependentes da área sanitaria da Coruña e Cee
O contrato terá unha duración de catro anos
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o 19 de maio para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2025
O Portal de Contratos de Galicia publicou, a través da Consellería de Sanidade, a licitación do servizo de recollida, transporte e distribución de mostras clínicas e diverso material dos centros dependentes da área sanitaria da Coruña e Cee por un importe de 1.187.173 euros e un período de duración de catro anos.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o 19 de maio para presentar as súas ofertas.
O servizo que deberá realizar o adxudicatario do contrato inclúe a recollida, transporte e distribución de mostras clínicas e documentación relacionada coas mesmas entre os centros de saúde e o laboratorio de referencia da área sanitaria, sito no primeiro andar do Hospital Materno Infantil, así como das mostras de citoloxías e biopsias desde os centros de saúde ao servizo de Anatomía Patolóxica do Hospital Universitario da Coruña.
As mostras clínicas contidas nas neveiras de transporte e a súa documentación correspondente recolleranse nos centros de saúde e entregaranse no laboratorio de referencia con estrita suxeición ás rutas diarias por centros e ás instrucións establecidas ao efecto.
O adxudicatario achegará todos os medios materiais necesarios para a adecuada prestación do servizo, que executará achegando o persoal en número e cualificación suficiente.