Preto de 500 estudantes de secundaria participan na primeira edición do concurso da Xunta #ParqueVibras para dar a coñecer o patrimonio natural galego
Todas as videocreacións presentadas ao certame recibiron ata o momento 22.000 visualizacións a través de Instagram, TikTok e YouTube e case 8.000 me gustas
A entrega de premios aos gañadores nas tres categorías farase a finais de maio
O obxectivo desta iniciativa é implicar e concienciar ás novas xeracións sobre a riqueza natural e a biodiversidade que caracterizan estes espazos protexidos
Santiago de Compostela, 19 de abril de 2025
Preto de 500 estudantes de 464 centros de Secundaria de toda Galicia participaron cos seus vídeos na primeira edición do concurso #ParqueVibras, unha iniciativa da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para achegar á mocidade dunha forma diferente ao patrimonio natural galego.
Dirixido a alumnado de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), a proposta consistía en facer vídeos orixinais para Instagram, TikTok ou YouTube centrados e inspirados nalgún dos seis parques naturais que hai en Galicia —Fragas do Eume; Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; Monte Aloia; Baixa Limia-Serra do Xurés; O Invernadeiro; e Enciña da Lastra—.
Aínda que a temática de todas as vídeo creacións participantes tiña que estar relacionada coa Rede de parques naturais de Galicia, os participantes tamén contaron con certa marxe de liberdade para xestionar os contidos, que poden incluír imaxes dalgunha ruta peonil, bailes, gráficos ou memes, entre outros elementos.
O concurso foi presentado en decembro de 2024 e o prazo para poder participar—de forma individual ou en grupo— rematou o pasado mes de marzo, polo que a vindeira semana se darán a coñecer os 12 finalistas —catro para cada unha das tres categorías—. A partir de aí escolleranse os tres vídeos premiados tendo en conta cal foi a proposta máis orixinal (categoría creatividade), a que recibiu un maior número de likes (viralidade) e a que contribúe a difundir mellor os valores do noso patrimonio (valor divulgativo).
Todos os vídeos participantes nesta primeira edición do concurso #ParqueVibras recibiron, ata o momento, máis de 22.000 visualizacións nas tres redes sociais e preto de 8.000 me gustas.
A convocatoria deste ano finalizará cunha gala de entrega de galardóns prevista para o 23 de maio —coincidindo voa véspera do Día Europeo dos Parques Naturais—, e os tres gañadores recibirán como premio unha excursión guiada para todos os alumnos da súa clase a un destes espazos protexidos.
O obxectivo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático con este concurso é dar a coñecer o patrimonio natural galego entre o alumnado galego de Ensino Secundario. Así, este tipo de actividades animan a participar á xuventude apelando ao seu lado máis creativo e aos seus coñecementos sobre as redes sociais para sensibilizalos e espertar a conciencia ambiental das novas xeracións sobre a riqueza do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.