A Xunta lamenta que o bloqueo do Concello de Vigo ao proxecto do novo centro de asociacionismo aboque á resolución do contrato
O proxecto ten comprometidos fondos europeos e fondos propios que teñen que ser executados e que non poden estar inmobilizados
O Goberno galego toma esta determinación ao non recibir contestación ás alegacións presentadas sobre a decisión do Concello de retirar a licenza de obra concedida, e mentres non se resolva o procedemento xudicial no que rematará dita situación
A Xunta reitera o seu compromiso con Vigo pese ás trabas da administración local
Vigo, 17 de abril de 2025
A Xunta lamenta que debido ao bloqueo por parte do Concello do Vigo respecto ao edificio dos antigos xulgados da rúa Lalín, no que estaba previsto a súa rehabilitación para a construción do novo centro de asociacionismo, sexa preciso resolver o contrato.
O Goberno galego toma esta determinación ao non recibir por parte do Concello de Vigo resposta ás alegacións presentadas o pasado febreiro ante a decisión do Consistorio de suspender a licenza de obra que autorizara meses antes. Deste xeito, o Concello obstaculizou este investimento da Xunta tan importante para a cidade.
Dado que esta situación rematará nun procedemento xudicial, mentres dito proceso non se resolva, a Xunta debe resolver o contrato do proxecto para construír o novo centro, dado que dita obra ten comprometidos fondos europeos e fondos propios que teñen que ser executados e non poden permanecer inmobilizados.
Con esta obra, poríase o inmoble á disposición da cidadanía nun espazo con capacidade para acoller a máis dun cento de asociacións, o que permitiría dar unha nova vida a un edificio de gran valor patrimonial. Por iso o Goberno galego lamenta a actitude incomprensible do Concello ao respecto, bloqueando unha inversión crucial para a cidade. Non obstante, o Goberno galego reitera o seu compromiso con Vigo, onde seguirá investindo pese ás trabas do Concello.