O Diario Oficial de Galicia publica o nomeamento como persoal estatutario fixo e o destino definitivo de 94 profesionais de enfermería especialistas en saúde mental

As prazas distribúense nos hospitais das sete áreas sanitarias

Estas 94 prazas, adxudicadas polo sistema de concurso de méritos, engádense ás 31 prazas ofertadas no proceso selectivo mediante concurso-oposición e ás 2 prazas ofertadas no proceso selectivo de estabilización

Santiago de Compostela, 21 de abril de 2025

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo e á adxudicación de destino definitivo aos aspirantes seleccionados no proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o ingreso na categoría de enfermeiro especialista en saúde mental. 

A resolución da convocatoria deste proceso realizouse en execución da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, que establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega. 

Neste proceso selectivo adxudícase destino definitivo para 94 aspirantes. Estas prazas engádense ás 31 prazas ofertadas no proceso selectivo mediante o sistema de concurso-oposición e ás 2 prazas ofertadas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos.

Dos 94 destinos adxudicados, 19 prazas son no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; 6 no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol; 8 no Hospital Universitario Lucus Augusti; 13 no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; 11 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra; 15 no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela; 20 no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; 1 no Hospital Público de Valdeorras; e 1 no Hospital Público de Verín. 

Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. Polo tanto, o prazo finaliza o 21 de maio.

A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable á persoa interesa e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo. En casos de forza maior, e por instancia do interesado, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión.

As persoas nomeadas poden dirixir todas as dúbidas e consultas relacionadas con este proceso selectivo ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións nin recursos.

Data de actualización: 21/04/2025