A Xunta publica o decreto que formaliza a creación da Rede de nodos de innovación sanitaria para impulsar solucións novidosas que melloren a asistencia e calidade de vida dos pacientes
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto de creación desta rede, que canalizará as iniciativas innovadoras de profesionais da sanidade pública, empresas, pacientes e as persoas coidadoras
A rede estrutúrase nun nodo de innovación por área sanitaria, máis o nodo central encargado da coordinación
Facilítase asesoramento, simplificación de trámites administrativos e a cooperación coas fundacións públicas galegas de investigación biomédica
Fomentará a extensión de exemplos de boas prácticas ás diferentes áreas sanitarias
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que se crea formalmente a Rede de nodos de innovación sanitaria e se establece a súa composición, organización e funcións. Esta rede, estruturada en sete nodos correspondentes a cada área sanitaria do Servizo Galego de Saúde e un nodo central encargado da coordinación, ten o obxectivo de fomentar o desenvolvemento de solucións innovadoras que melloren a asistencia e a calidade de vida dos pacientes.
Con esta iniciativa da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde (ACIS) búscase que a Plataforma de innovación sanitaria se converta na ferramenta transversal da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde para potenciar e xestionar os resultados de innovación sanitaria enmarcados nun modelo de innovación aberta e social.
Así, a Rede de nodos de innovación sanitaria será un mecanismo para canalizar as ideas dos profesionais sanitarios e tamén de pacientes, as súas persoas coidadoras e empresas e demais entidades implicadas no sistema sanitario.
Perséguese introducir cambios rápidos nos procedementos sanitarios de forma que sexan substituídos aqueles procesos menos eficientes. Para isto, tal e como se recolle no Diario Oficial de Galicia, cada nodo conta cun equipo de profesionais con diferentes perfís (sanitarios, administrativos e tecnolóxicos) para garantir un enfoque integral en cada proposta.
Así, o decreto establece, en primeiro lugar, a creación, funcións e composición da Rede de nodos de innovación sanitaria. E inclúe entre os seus obxectivos detectar necesidades e oportunidades para mellorar a asistencia sanitaria e facilitar tamén a transferencia de boas prácticas entre as distintas áreas sanitarias.
Os nodos deberán, ademais, axilizar a xestión de proxectos innovadores e de reducir as barreiras burocráticas para favorecer o seu financiamento. Ao mesmo tempo, recóllese a coordinación cos institutos e fundacións públicas galegas de investigación biomédica.
Por outra banda, o decreto concreta o desenvolvemento e implantación de proxectos innovadores. Entre as actividades de cada nodo estará realizar tarefas de asesoramento e soporte para que o proxecto se transforme nun novo produto ou servizo sanitario.
Así mesmo, enuméranse os criterios que se empregarán á hora de valorar cada proposta. Entre outros, o aliñamento da idea coa Estratexia do Servizo Galego de Saúde, a escalabilidade para facer transferible o proxecto máis alá do centro en que se propón ou o grao de participación da cidadanía e pacientes na idea.
O texto publicado hoxe sinala, como incentivo, que as actividades realizadas polas persoas membros da Rede de nodos de innovación sanitaria serán recoñecidas na carreira profesional como méritos na epígrafe de formación, docencia, investigación e innovación ou, de ser o caso, no de implicación ou compromiso coa organización.
Á vangarda da innovación sanitaria
O modelo de apoio á innovación e de aposta pola compra pública innovadora promovido polo Servizo Galego de Saúde foi pioneiro en España e é na actualidade un referente a nivel europeo.
As iniciativas InnovaSaúde e Hospital 2050 (H2050) serviron de pulo á innovación desde a Administración co obxectivo combinado de dinamizar o mercado e de mellorar a prestación de servizos públicos, tanto na modalidade de compra pública precomercial, como na de compra pública de tecnoloxías innovadoras.
Como casos de éxito, o Servizo Galego de Saúde, a través da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, tamén executou proxectos como Código100 (centrado no envellecemento da poboación), Innovamicrolab (para encarar a resistencia antimicrobiana) ou Innovatrial (un sistema innovador para a xestión integral dos ensaios e estudos de investigación biomédica, actualmente en execución).
Destas iniciativas xurdiron numerosas aplicacións prácticas con repercusión para a cidadanía. Por exemplo, a historia clínica electrónica IANUS 5, a plataforma É-Saúde ou a plataforma Telea, coa que o Servizo Galego de Saúde presta teleasistencia a pacientes crónicos monitorizando a diálise domiciliaria, a hipertensión arterial ou, entre outros casos, de coidados paliativos no caso de hospitalización a domicilio.
Tamén se desenvolveron outras ferramentas para o apoderamento de pacientes como o Sistema de información para pacientes en autocontrol da diabetes (Sipad). Este sistema simplifica o autocontrol da enfermidade para os pacientes nun único dispositivo no cal incluír valores de glicosa, insulina ou alimentación e así facilita tamén o seguimento por parte do profesional sanitario.
Galicia demostra tanto a súa capacidade de xeración de coñecemento como a súa xestión de fondos xa que a Xunta captou o 40 % dos proxectos da convocatoria da Liña FID (Fomento da Innovación desde a Demanda) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. No ámbito sanitario, o proxecto seleccionado do Servizo Galego de Saúde é Precisaúde, no cal se investirán 20 millóns de euros para buscar novas solucións relacionadas coa medicina personalizada.
Ademais, no 2021, o Servizo Galego de Saúde logrou ser gañador dos I Premios Europeos á Contratación Pública de Innovación do Consello Europeo de Innovación (EIC) nunha candidatura en que se recolle a aposta da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde pola innovación e pola compra pública innovadora.