O delegado territorial da Xunta en Ourense participou na presentación da VIII edición da Ourense Strade Termal 2025 no Centro de Interpretación Aquis Querquennis, en Bande
Manuel Pardo pon en valor a importancia do deporte na promoción turística da provincia
O delegado territorial sinalou que, na súa aposta por fomentar Galicia como un destino turístico de calidade, a Xunta colabora co INORDE para apoiar actividades relacionadas coa promoción e a dinamización turística na provincia de Ourense
A VIII edición da ‘Ourense Strade Termal’ contará coa participación de máis de 400 cicloturistas sobre un escenario de 115 e 85 quilómetros de gran ou mini fondo que poderán ser protagonistas en primeira persoa dunha paisaxe en estado puro
Manuel Pardo puxo en valor a importancia do deporte na promoción turística de Galicia para dar a coñecer as paisaxes e o patrimonio das localidades que percorre
Ourense, 22 de abril de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, louvou as terras da Baixa Limia como “un exemplo de significación da paisaxe que posúe a notoriedade dos recursos endóxenos como unha posible lanzadeira do sector económico e do desenvolvemento sostible.
Nelas –explicou o delegado territorial- o vindeiro domingo 27 de abril, realizarase a VIII edición da ‘Ourense Strade Termal’, organizada polo Inorde, co apoio da Axencia Turismo de Galicia. Unha proba cicloturista que percorrerá os concellos ourensás de Lobeira, Bande, Muíños e Lobios, onde ofrecerá aos participantes a oportunidade de coñecer novos portos de montaña nun percorrido esixente con espectaculares paisaxes, todo elo dentro do Parque Natural do Xurés-Geres.
Manuel Pardo sinalou que, na súa aposta por fomentar Galicia como un destino turístico de calidade, a Xunta colabora co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), para apoiar actividades deportivas relacionadas coa promoción e a dinamización turística na provincia de Ourense.
Máis de 400 participantes de 16 provincias sobre 115 quilómetros con máis de 2.300 metros de desnivel participarán na proba de Gran Fondo, e 85 quilómetros con 1.700 metros de desnivel acumulado na proba de Mini Fondo, que formarán parte do Calendario Nacional da Real Federación Española de Ciclismo.
A saída e a chegada, situadas no concello de Lobios, estarán emprazadas no Balneario de Caldaria en Riocaldo, onde os visitantes poderán ser protagonistas en primeira persoa dunha paisaxe en estado puro que combina a singularidade, a historia e o valor patrimonial do conxunto do territorio.
O representante do Goberno galego destacou que entre as principais novidades deste ano, o evento pasará por primeira vez pola igrexa visigoda de Santa Comba de Bande, e un tramo de sterrato transcorrerá polo Aquis Querquennis.
Para o delegado territorial o esforzo de deportistas, clubs e federacións merece o máximo apoio e, neste sentido, o Goberno galego ademais de impulsar o desenvolvemento dos distintos eventos deportivos, colabora con esta modalidade deportiva a través de distintas liñas de axudas á Federación Galega de Ciclismo.
Por último, Manuel Pardo puxo en valor a importancia do deporte na promoción turística de Galicia, e, no caso concreto da Ourense Strade Termal, para dar a coñecer as paisaxes e o patrimonio das localidades que percorre. Ademais, trátase -engadiu- dun revulsivo económico para os concellos polos que discorre a competición. Por iso, animou a afeccionados, veciñanza dos concellos polas que pasa a proba e visitantes a desfrutar da gran festa do ciclismo galego.