A Xunta patrocina un ano máis a carreira ‘Camovi’ de Viveiro, que se celebra a fin de semana con case un milleiro de participantes
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou o nivel da cita, que nesta edición acollerá ademais o Campionato Xunta de Galicia Individual de Carreiras por Montaña 2025
Viveiro (Lugo), 22 de abril de 2025
A Xunta patrocina a 14ª edición da Carreira por Montaña Montes de Viveiro (Camovi), que se celebra esta fin de semana -sábado 26 e domingo 27 de abril- e que conta xa con preto dun milleiro de persoas inscritas.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación da cita xunto a representantes da Agrupación Deportiva San Roque -organizadores do evento- así como doutras institucións e entidades implicadas.
Arias destacou o nivel dos deportistas confirmados para participar nesta convocatoria, que este ano será ademais escenario do Campionato Xunta de Galicia Individual de Carreiras por Montaña. Puxo tamén en valor o tirón turístico da carreira, “que proxecta o concello de Viveiro como un escenario ideal para a práctica de deporte e de turismo de natureza”.
As probas incluídas no campionato serán as carreiras individuais de 42, 21, 18 e 10 quilómetros, nas categorías absoluta, promesa, júnior, xuvenil e cadete, respectivamente.
Ademais, haberá unha proba de remudas de 42 quilómetros, a andaina ‘Ramón Blanco’ e a Camovi Kids, esta última para fomentar a participación dos nenos e nenas.