O director de Augas de Galicia participou hoxe na reunión de seguimento das obras
A primeira fase da EDAR da Silvouta, na que a Xunta inviste case 11 M€, estará en marcha a finais deste verán
A futura planta, cun investimento estimado en 60 M€, forma parte dun plan global para mellorar as infraestruturas hidráulicas que dan servizo a Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2025
A primeira fase da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Silvouta, en Santiago de Compostela, estará lista e en funcionamento a finais do próximo verán. Esta foi a principal conclusión da reunión de seguimento celebrada hoxe para avaliar o estado de execución dun proxecto clave para a cidade e na que estiveron representados a Xunta —a través do director de Augas de Galicia, Roi Fernández—, a Sociedade Mercantil Estatal Augas das Concas España, S.A. e o Concello de Santiago.
A EDAR de Silvouta, que permitirá mellorar a capacidade de depuración das augas residuais de Santiago, conta cunha inversión estimada de 60 millóns (sen IVE), financiados nun 80% cos fondos europeos do NextGenerationEU. Deste contía, a Xunta achega 10,8 millóns de euros de fondos propios e o Goberno local, 300.000 euros.
Neste momento, a fase I da nova EDAR está a piques de completar a obra civil das primeiras infraestruturas clave, como son a estación de pretratamento e a decantación primaria, así como os espesadores de gravidade, que permitirán garantir un tratamento de augas acorde cos máis altos estándares medioambientais. A finalización total das obras da planta está prevista para o verán de 2026.
Cómpre lembrar que este proxecto forma parte dun plan global para mellorar as infraestruturas hidráulicas da capital galega, poñendo especial énfase na sostibilidade e na eficiencia ambiental. Neste sentido, o Executivo galego ten comprometidos neste concello preto de 15 millóns de euros de investimento en distintas actuacións previstas ou postas en marcha, entre as que destaca a EDAR da Silvouta.
Gracias ao esforzo da Xunta, a futura planta será capaz de tratar as augas residuais de toda a poboación compostelá e contará con capacidade para eliminar os nutrientes, como o nitróxeno e o fósforo, para cumprir cos requisitos do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa. Con estes avances, o proxecto será un dos maiores logros en materia de infraestruturas hidráulicas en Santiago, permitindo mellorar significativamente a calidade das augas do río Sar e contribuíndo á sustentabilidade medioambiental.