A Xunta licita por máis de 390.000 euros o desenvolvemento da plataforma de integración dos sistemas de comunicación do Servizo Galego de Saúde

A plataforma CETIR garante e asegura todas as operacións realizadas en rede, ademais de posibilitar a trazabilidade de todos os eventos comunicativos que se rexistren na mesma

A nova actualización permitirá gravar as chamadas, converter os postos de traballo en teléfonos virtuais ou que a aplicación Sergas Móbil identifique dun xeito inequívoco as voces dos cidadáns sen necesidade de facilitar o seu número de teléfono

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o vindeiro 26 de maio para presentar as súas ofertas

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2025

O Portal de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe na súa web a licitación, por importe de 390.297 euros, dos servizos para o desenvolvemento e evolución da plataforma de integración con sistemas de comunicación en tempo real do Servizo Galego de Saúde (CETIR).

CETIR é unha plataforma de comunicación en tempo real que xera canles de voz e vídeo instantáneos sobre a base de diferentes estándares. Así, permite conectar calquera aplicativo empregado por parte dos profesionais sanitarios, como pode ser a historia clínica electrónica Ianus 5, con aquelas aplicacións que son empregadas pola cidadanía, como o Sergas Móbil.

A actualización da plataforma CETIR posibilitará novas funcionalidades, entre as que se atopan: a de permitir gravar as chamadas -de vídeo e voz- de acordo á normativa e aos estándares de seguridade vixentes; converter os postos de traballo en teléfonos virtuais; dotar a aplicación Sergas Móbil dunha comunicación de voz dixital que identifique de xeito inequívoco aos cidadás -sen necesidade de que acheguen o seu número de teléfono-; ou catalogar os sistemas de videoconferencia adicionais para usos concretos.

Esta plataforma garante e asegura todas as operacións que se realicen en rede, ademais de posibilitar a trazabilidade de todos os eventos comunicativos que se rexistren na mesma.

Este expedinte conta co financiamento da Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.

As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o vindeiro 26 de maio para presentar as súas ofertas.

Data de actualización: 24/04/2025