A Xunta apoia en Madrid a comercialización dos produtos da marca Artesanía de Galicia
Madrid, 24 de abril de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá as tendas Real Fábrica e Cocol, referentes no eido da artesanía na cidade de Madrid e que contan nos seus establecementos con produtos da marca Artesanía de Galicia.
O obxectivo principal da marca Artesanía de Galicia é ofecer unha imaxe común, armónica, coordinada e representativa dos produtos artesanais galegos. Un selo de prestixio que constitúe unha sinal de identidade propia e garantía de calidade para os consumidores e para o sector da artesanía, un dos grandes protagonistas no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, presentado recentemente, que inclúe diferentes medidas para promover a remuda xeracional e divulgar os oficios tradicionais co fin de seguir impulsando esta actividade chave no patrimonio cultural e que é un motor de emprendemento e de inclusión laboral.