A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto para executar novas sendas na Estrada AC-433 en Laxe, cun investimento de máis de 900.000 €
O obxectivo é a construción de dous tramos de sendas: un primeiro entre Castrelo e a senda executada en Serantes; e un segundo, que une este núcleo con Laxe
Estes itinerarios, que se desenvolverán pola marxe dereita da AC-433, no seu percorrido polo municipio coruñés, suman unha lonxitude total de 1.903 metros
A intervención forma parte da segunda fase do Plan de Sendas e daralle continuidade aos itinerarios executados na AC-433 en Soesto e Serantes, conformando un itinerario continuo e seguro para os peóns
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2025
A Xunta publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de trazado para executar novas sendas peonís na estrada AC-433, no concello de Laxe, cun investimento de máis de 900.000 €.
No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a este anuncio polo que tamén se aproba o trámite de información pública: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250424/AnuncioG0181-210425-0001_gl.html
Trátase da construción de dous novos tramos de sendas peonís nesta vía autonómica: un primeiro que parte do núcleo de Castrelo uníndose coa senda xa executada en Serantes; e un segundo, que enlaza este núcleo co de Laxe.
Estes itinerarios, que se desenvolverán pola marxe dereita da AC-433, no seu percorrido polo municipio coruñés, suman unha lonxitude total de 1.903 metros.
Prevese un primeiro tramo de senda situado preto de Castrelo, no punto quilométrico 10+494, que finalizará no inicio da senda existente en Cabanas, no punto 11+076.
O segundo tramo permitirá a conexión entre Cabanas e Finllido, discorrendo entre os puntos 11+731 e 12+428. Neste treito prevense dúas zonas de aparcamentos.
Con estas actuacións, que terán un prazo de execución de 12 meses, o Goberno galego dálle continuidade aos itinerarios executados entre os anos 2022 e 2023 na AC-433 en Soesto e Serantes, no municipio de Laxe, conformando así un itinerario continuo e seguro para os peóns.
Este proxecto incluíuse na segunda fase do Plan de Sendas en estradas autonómicas, aprobado en decembro do pasado ano polo Consello da Xunta de Galicia, e prevese que sexa cofinanciado con fondos europeos FEDER 21/27.