A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe o concello de Lousame, un dos beneficiarios da convocatoria deste ano
A Xunta concede 2,6 M€ en axudas a 63 concellos co fin de mellorar e adquirir puntos limpos fixos e móbiles para dar servizo a 1,5 millóns de galegos e galegas
Ángeles Vázquez salienta o éxito da última convocatoria de incentivos para garantir a correcta xestión dos residuos especiais que quedan fóra da recollida domiciliaria e anuncia unha ampliación de crédito para atender todas as solicitudes que cumpren
Explica que no caso de Lousame, presentou a solicitude xunto con Rois e recibiron unha achega de 81.000 € para comprar un camión con caixa metálica e 8 contedores
Lousame (A Coruña), 26 de abril de 2025
A Xunta de Galicia concedeu este ano axudas por un importe global de 2,6 millóns de euros co fin de financiar a mellora ou a adquisición de puntos limpos municipais —fixos, móbiles e de proximidade— así como para apoiar outro tipo de proxectos relacionados con instalacións de preparación para a reutilización. En total, as 84 subvencións concedidas permitirán ofrecer estes servizos a unha poboación estimada de 1,5 millóns de galegos e galegas.
Durante unha visita ao concello de Lousame, un dos 63 que resultou beneficiario este ano, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou o éxito da convocatoria, dirixida a apoiar iniciativas a nivel local para garantir unha correcta xestión daquelas fraccións especiais que quedan fóra da recollida domiciliaria ordinaria e que esgotou o orzamento inicialmente dispoñible.
De feito, a responsable autonómica explicou que unha vintena de concellos permanecen en lista de agarda e avanzou que o seu departamento tramita xa unha ampliación de crédito por importe de 800.000 euros co fin de poder atender todas as solicitudes recibidas e que cumprían cos requisitos fixados na convocatoria.
Con estas achegas, que prevén catro liñas de actuación, cubrirase ata o 90% dos custos de adquisición de 89 puntos limpos de proximidade (instalacións de menor tamaño pero coa mesma función) e de 10 puntos móbiles que prestarán o servizo de forma itinerante.
Ademais, este ano tamén se subvencionarán obras de mellora ou de ampliación en puntos limpos fixos xa existentes e con cargo á cuarta liña subvencionable, para construír e mellorar instalacións municipais de preparación para a reutilización e para a autorreparación de residuos domésticos.
Cómpre lembrar que os puntos limpos, nas súas diferentes modalidades e tipoloxías, cumpren unha función esencial a nivel municipal xa que garanten un lugar no que poder depositar fluxos de refugallos de moi diversa tipoloxía (aparellos eléctricos e electrónicos, pilas e baterías, mobles e enseres domésticos, restos de podas, vidro, madeira, etc) e que non contan con contedores específicos para a súa recollida.
No caso de Lousame, a conselleira explicou que este concello presentou a solicitude de forma conxunta con Rois, co obxectivo de adquirir un único punto limpo móbil que garanta o acceso a este servizo aos 7.500 habitantes que suman ambos municipios. Coa achega da Xunta (de 81.000 euros), subvencionarase a compra dun camión 100% eléctrico con caixa vasculante e capacidade para 8 contedores adaptados.
Ademais, en toda a provincia da Coruña concedéronse axudas por un importe global de 957.746,42 euros para financiar a mellora e compra de puntos limpos e instalacións de PxR, a segunda maior contía, tan só por detrás da de Pontevedra.
Case 11 M€ en axudas para a xestión dos residuos municipais
Para avanzar nos obxectivos europeos en materia de residuos e na implantación da economía circular a nivel local, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicou a finais de 2024 outra liña de incentivos para apoiar, neste caso, catro tipos de actuacións: implantar, ampliar ou mellorar a recollida selectiva dos chamados biorresiduos domésticos e fomentar a súa reciclaxe en orixe mediante proxectos de compostaxe doméstica ou comunitaria (liñas 1 e 2) así como garantir a recollida separada de aceites de cociña (liña 3) e dos residuos téxtiles (liña 4).
Cos 8,1 millóns de euros concedidos a través desta orde, sufragarase a adquisición de 18 camións adaptados para recoller e trasladar biorresiduos, de 2.459 contedores para o depósito específico da fracción orgánica dos residuos municipais e de 18.572 composteiros domésticos, entre outros.
En total, os 10,7 millóns de euros concedidos este ano ás entidades locais para optimizar a xestión dos seus residuos —cofinanciados con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia— permitirán atender 279 solicitudes municipais en toda Galicia, sendo a provincia de Pontevedra a máis beneficiada, con case a metade das achegas (4,95 M€), seguida da Coruña (3,3 M€), Lugo (1,21 M€) e Ourense (1,20 M€).