A Xunta lamenta que o Goberno traslade aos medios e non á autoridade competente supostas irregularidades en vivendas de uso turístico

Afea a decisión de anunciar antes aos medios de comunicación que ao Goberno galego, con competencias exclusivas turísticas, a información sobre suposta publicidade ilícita deste tipo de aloxamento

Lembra que desde 2017 Turismo de Galicia regula e controla as VUTs co decreto autonómico que recolle expresamente a obriga de publicitar o número de rexistro 

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2025

A Xunta de Galicia vén de lamentar a falta de colaboración institucional amosada esta mañá polo ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2023, Pablo Bustinduy, ao anunciar publicamente que o seu departamento detectou publicidade ilícita por parte de propietarios de vivendas de uso turístico de Galicia, sen telo comunicado antes ao Goberno galego, con competencias exclusivas en materia turística. 

Non obstante, a Xunta estudará esta documentación cando sexa recibida de xeito oficial, con datos e motivos específicos para poder actuar en consecuencia, tal e como caracteriza ao Goberno autonómico que actúa con rigorosidade, seriedade e garantindo os dereitos de todos os implicados.

Neste sentido, desde Turismo de Galicia reitérase que a Xunta leva desde 2017 regulando e controlando este tipo de aloxamentos a través do decreto autonómico que foi pioneiro e que xa recolle expresamente no artigo 13 a obriga de publicar o número de rexistro na promoción que faga. Ademais, a inspección turística da Xunta actúa como demostran as máis de 4.000 visitas realizadas o ano pasado aos establecementos turísticos, entre os que están as VUT, e neste 2025, o corpo de inspección reforzarase con novos inspectores.

Finalmente, a Xunta tamén colabora estreitamente dacordo co decreto autonómico e actúa sempre que os concellos notifican que esa actividade é contraria ao planeamento urbanístico ou carece do título habilitante municipal no caso de que ese Concello o esixa. 

De feito, lembra que, por exemplo, en Santiago de Compostela, Turismo de Galicia xa deu de baixa en 2024 e no que vai de 2025 un total de 134 vivendas, sempre estando debidamente xustificada e comunicada polo Concello.

Data de actualización: 25/04/2025