Rueda avanza que a Xunta solicitará ao Consello Consultivo de Galicia un informe sobre o traspaso das competencias para xestionar os permisos de traballo
Resalta a importancia de mellorar a tramitación dos permisos para facilitar a incorporación de man de obra a sectores produtivos clave
A decisión enmárcase no obxectivo do Goberno galego de reclamar competencias que poidan mellorar a vida dos galegos
Santiago de Compostela, 28 de abril de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Executivo autonómico aprobou hoxe “solicitar formalmente un informe ao Consello Consultivo de Galicia” sobre “as posibilidades legais” do traspaso das competencias para xestionar os permisos de traballo das persoas doutros países. O obxectivo é avaliar a posibilidade de asumir esta función en tres áreas concretas: as autorizacións iniciais para que unha persoa estranxeira poida traballar na comunidade, os permisos para traballos de tempada e os de larga estancia por motivos de estudos ou formación.
O obxectivo da Xunta é mellorar e axilizar a xestión destas autorizacións, “especialmente nas prazas de urxente cobertura”, algo fundamental para executar as políticas de retorno que axuden a facer fronte ao reto demográfico, a despoboación de certas zonas do rural e a falta de man de obra en sectores claves coma a agricultura, a construción, o turismo ou o eido sociosanitario.
O presidente salientou que outras comunidades como Cataluña xa teñen transferidas estas competencias e o Estado iniciou os trámites para efectuar este traspaso no País Vasco. Por iso, a Xunta solicitará ao Consultivo un informe para certificar se esta transferencia encaixa no ordenamento autonómico e xurídico e avanzar na reclamación oficial para poder asumir tamén estas funcións.
Esta decisión enmárcase no obxectivo da Xunta en “reclamar competencias que poidan mellorar a vida da xente”, que os galegos demanden e que “poidan ser mellor xestionadas desde o ámbito autonómico”. Nesta liña, Rueda indicou que a Xunta traballa para ampliar o teito competencial da comunidade, negociando “a xestión compartida das alertas meteorolóxicas”, insistindo “no rescate e transferencia da AP-9” ou esixindo “a coxestión do Ingreso Mínimo Vital”.