A Xunta colabora co XI Maratón de Mus ‘Muralla de Lugo’ que reunirá máis de 200 participantes
A Delegación Territorial acolleu hoxe a presentación do torneo, que se celebrará o 10 de maio e que organiza a asociación LugoMuseiros
Lugo, 28 de abril de 2025
A Xunta de Galicia colabora co XI Maratón de Mus Muralla de Lugo – Memorial Luciano Sánchez, que se celebra o 10 de maio no Círculo das Artes. A Delegación Territorial acolleu hoxe a presentación do torneo, coa participación do delegado territorial, Javier Arias, e representantes de LugoMuseiros, asociación organizadora do evento.
O colectivo agarda a participación de parellas procedentes de Galicia e doutras comunidades, como Asturias e Castela e León. Xa hai apuntadas 106 e o límite está establecido en 112 – aínda está aberto o prazo para formalizar as inscricións ata cubrir o número máximo de prazas-.
Haberá numerosos premios e trofeos para repartir entre os gañadores e tamén estarán en xogo prazas para os campionatos de España 2025 de Ourense e A Coruña.
O delegado territorial destacou o interese que ten para Lugo acoller este torneo que “está consolidado como un dos mellores do circuíto nacional” e que ademais supón “unha excelente oportunidade de promoción para a cidade”.