Belén do Campo reivindica o compromiso da Xunta coa cidade da Coruña na conferencia organizada pola Asociación de amas de casa, consumidores e usuarios da Coruña

A delegada da Xunta subliñou que este primer ano estivo marcado por unha forma de xestionar cumprindo a  palabra dada, gobernando para todos, sen ruído, sen confrontación e sen mirar a curto prazo. En definitiva, con estabilidade, rigor e acción

A Coruña, 29 de abril de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, participou na conferencia organizada pola Asociación Provincial de Amas de Casa Consumidores e Usuarios da Coruña para facer balance do primeiro ano de lexislatura de Xunta reivindicando o compromiso do Goberno galego coa cidade con importantes investimentos en todos os ámbitos pero con especial incidencia en vivenda, sanidade, política social, a educación e o coidado das persoas. Belén do Campo subliñou que este primeiro ano estivo marcado por unha forma de gobernar cumprindo a  palabra dada, gobernando para todos, sen ruído, sen confrontación e sen mirar a curto prazo. En definitiva, con estabilidade, rigor e acción.

No eido da vivienda Belén do Campo destacou que para a Xunta a vivenda pública en Galicia é unha prioridade. Neste senso, sinalou que o Goberno autonómico triplica, este ano, o orzamento destinado a chan residencial e a construción de vivendas públicas ata chegar a 126 millóns, co obxectivo de duplicar o parque público residencial na presente lexislatura ata chegar aos 8.000 inmobles. A representante do Goberno autonómico puxo o polígono do Xuxán como o mellor exemplo destas políticas no que a  Xunta construirá 144 vivendas protexidas, das que 104 están en construción e lembrou que a modificación do PXOM, que tamén solicitou ao Concello, permitirá cambiar o uso de oficina a residencial en dúas parcelas, nas que se poderán crear outro medio milleiro de vivendas máis.

Ademais, subliñou que gracias á cesión de 4 novas parcelas de titularidade municipal en diferentes puntos da cidade permitirá que a Xunta poida construír outros 100 fogares máis de promoción pública. 

En relación coa sanidade, Belén do Campo recalcou que a Xunta avoga por unha saúde pública, universal, gratuíta e pioneira. Por iso, “Galicia conta co calendario de vacinación máis avanzado de Europa e é  un referente na prevención de enfermidades”. Ademais, puxo como exemplo todos os avances que se están a dar co novo Chuac, un proxecto estratéxico e prioritario que se converterá nun referente da atención sanitaria para máis de 500.000 pacientes das áreas da Coruña e Cee. “A sanidade galega non é só un referente, é motivo de orgullo”, subliñou.

Con respecto á educación apuntou que “somos hoxe a única Comunidade que ofrece educación universitaria gratuíta de forma integral e tamén somos pioneiros na educación infantil gratuíta que beneficia a 32.000 familias”.  Ademais, lembrou que só na cidade da Coruña, dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, estamos a realizar 25 actuacións de ampliación, mellora e reforma en 22 centros educativos nos que o Goberno galego está a investir preto de 18,6M€. Neste punto, informou que Galicia vai implantar, na próxima declaración da renda, unha nova desgravación por compra de libros e material escolar coa que os fogares de entre 10.000 e 30.000 euros de renda anual per capita poderán descontar o 15% do gasto ata un máximo de 105 euros por alumno.

A delegada da Xunta falou tamén das políticas de emprego do Goberno galego apuntando que o “noso obxectivo é que todos teñan posibilidades de conseguir un emprego digno e garantir oportunidades reais”. Neste senso, informou que a Consellería de Emprego conta cun orzamento global superior aos 497 millóns de euros co obxectivo de que Galicia goce dun emprendemento e emprego de calidade no marco dun mercado laboral dinámico e inclusivo e dun crecemento sostible.

Nesta liña, referiuse a medidas como os obradoiros de emprego e as accións formativas para desempregados para adaptar a formación ás necesidades reais das empresas. Ademais, recalcou especialmente o apoio aos autónomos referíndose a simplificación nunha única orde os apoios a este colectivo dotada con máis de 40 M€ con axudas específicas para beneficiar 8.700 e ao Plan estratéxico comercio 2025-2030 con 320 millóns de euros para modernizar, visibilizar e mellorar a competitividade do pequeno comercio, que inclúe 3 millóns de euros para crear Mercados Excelentes.

Coidado das persoas 

Na súa intervención incidiu especialmente nas medidas posta en marcha pola Xunta para coidar da xente maior cunha política social humana e eficaz. Neste senso, falou do Plan de Choque da Dependencia impulsado pola Xunta en xaneiro apostando pola simplificación e axilización da dependencia o que permitiu acelerar nos primeiros meses do ano un importante número de expedientes.

Belén do Campo resaltou tamén que “Galicia conta co triplo de prazas públicas en residencias que en 2009, temos 16.000 pero imos a máis” e lembrou “o novo Plan de Construción de Residencias  que contempla 24 novos centros con 1.800 prazas en concellos de menos de 5.000 habitantes nesta lexislatura. “Isto permitirá incrementar un 15% as prazas públicas actuais, xerará un milleiro de postos de traballo non sector sociosanitario e achegará este servizo a localidades que ata o  momento non dispoñían dun centro deste tipo”, subliñou a delegada. Neste punto, puxo en valor o investimento de  5,5 millóns de euros na renovación integral da Residencia Pública da Coruña. “Cunha media de idade de 85 anos, os preto de 100 residentes da Torrente Ballester verán como en menos de dous anos a súa rutina diaria mellorará cunhas instalacións de primeiro nivel”, apuntou.

Finalmente, referiuse á Estratexia Galega contra ou idadismo, elaborada pola Xunta, que ten un horizonte que abarca desde este ano 2025 ata 2031. Entre as súas primeiras medidas estará o impulso de campañas informativas fronte ao idadismo, un plan que incida na formación de docentes de distintas etapas educativas e a creación dun comisionado autonómico que velará por evitar (ou retirar) nas normativas "defectos" que incidan na discriminación por motivo de idade. Para o curso 25/26 conta cun orzamento de 520.000 euros. 

 

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/04/2025