O convenio foi asinado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e polo presidente da Federación, Manuel Fonseca

A Xunta e a Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue renovan a colaboración para o fomento da doazón

O departamento sanitario galego achega á Federación un total de 58.200 euros para a realización de actividades de promoción da doazón por toda a xeografía galega

A Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue agrupa ás distintas irmandades que teñen como finalidade a promoción da hemodoazón baixo a coordinación da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o presidente da Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue, Manuel Fonseca Gómez, asinaron a renovación da liña de colaboración para a promoción da hemodoazón na comunidade. A sinatura deste convenio contou tamén coa presenza da directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López.

En virtude desta colaboración entre o Servizo Galego de Saúde, a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos e a Federación de Irmandades de Doadores, a Xunta achegará 58.200 euros a esa entidade para o fomento da doazón de sangue por toda a xeografía galega a través de charlas, carteis e dípticos, entre outras iniciativas.

A Federación informará á cidadanía da importancia de colaborar solidariamente na cobertura das necesidades de sangue e hemoderivados nos centros sanitarios galegos.

A Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue agrupa ás distintas irmandades da comunidade que teñen como finalidade a promoción da hemodoazón baixo a coordinación da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

As distintas irmandades que compoñen a federación participan en campañas de radio e televisión e percorren concellos contactando directamente coa cidadanía e atenden todos os requirimentos dos doadores nas súas oficinas, tanto de forma persoal como telefonicamente.

A Consellería de Sanidade lembra que en Galicia se precisan entre 400 e 500 doazóns diarias de sangue para axudar a milleiros de doentes e posibilitar o desenvolvemento do intenso labor asistencial dos hospitais galegos.

Para iso, ADOS dispón de locais de doazón situados nas sete principais cidades e tamén conta con 10 unidades móbiles que percorren cada día a comunidade Galega recollendo solidariedade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/05/2025