Representantes do Instituto de Estudos do Territorio viaxaron a esa rexión belga no marco do proxecto europeo GIFT

A Xunta asesora ao goberno de Flandes no deseño de ferramentas para mellorar a xestión da paisaxe

Durante as sesións de traballo incidiuse na necesidade de contar cun instrumento que facilite a avaliación de novas oportunidades e/ou necesidades, así como equilibrar as diferentes visións sectoriais

A finalidade principal do programa GIFT é fomentar a política de cohesión, facilitando o intercambio de experiencias e coñecementos de éxito no eido das infraestruturas verdes

Santiago de Compostela, 1 de maio de 2025

Técnicos do Instituto de Estudos do Territorio, órgano dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, viaxaron recentemente a Flandes para asesorar ao Goberno rexional no deseño e desenvolvemento de ferramentas para a xestión integrada da paisaxe, no marco da reunión entre pares do proxecto Green Infrastructure for Forest and Trees (GIFT) do programa Interreg Europe-FEDER.

Durante a visita á localidade de Moelingen, no municipio de Voeren, afondaron nos aspectos específicos dos instrumentos de xestión que leva a cabo a Axencia Flamenca do Solo, cuxa política de desenvolvemento rural conxuga diferentes obxectivos, desde a produción de alimentos coa mellora dos espazos para adaptarse ao cambio climático, así como a configuración de espazos de encontro e ocio.

Nesa liña, está a desenvolver diferentes ferramentas que contribúan a optimizar a toma de decisións así como a implementar un marco de avaliación para determinar que enfoque e instrumentos son os máis axeitados en cada caso. Así, un dos aspectos no que se fixo especial fincapé durante as sesións de traballo foi na necesidade de contar cun instrumento que facilite a avaliación de novas oportunidades e/ou necesidades, así como equilibrar as diferentes visións sectoriais ao tempo que permita a detección e identificación de sinerxías ou conflitos.

Este encontro, durante o que tamén se visitou o Landscape Park Bocageland without borders, forma parte das reunións entre pares que se organizan no marco do GIFT para analizar o reto específico da rexión anfitrioa e propor enfoques prácticos que permitan mellorar as políticas directamente relacionadas co obxectivo central de cada rexión. Neste caso, ademais dos representantes do IET, que estiveron acompañados polo coordinador do Grado de Paisaxe das universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, Juan Antonio Caridad Graña, tamén participou unha delegación do Departamento de Planificación e Seguimento Forestal e Paisaxístico do Slovenian Forestry Institute.

De feito, cómpre lembrar que a finalidade principal do programa GIFT é fomentar a política de cohesión, facilitando o intercambio de experiencias e coñecementos de éxito no eido das infraestruturas verdes, centradas en bosques e árbores, a transferencia de boas prácticas e a aprendizaxe entre os socios, principios nos que se enmarca esta visita a Flandes.

Case 2 M€ de orzamento

Impulsado no marco do programa Interreg Europe-FEDER e cun orzamento de 1,97 millóns de euros —o 80% procedente de fondos Feder e o 20% restante da Xunta—, este proxecto pon especial énfase e atención nos bosques, nas árbores e nas paisaxes que albergan, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga e a erosión, entre outros.

No proxecto, que lidera o IET, participan 9 entidades máis de países e rexións da Unión Europea: o goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân (Países Baixos) e Rimini (Italia), a Axencia Rexional de Leipzig (Alemaña), o Instituto Forestal Esloveno, o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (ambos de Eslovenia), a Universidade de Letonia e a cidade de Zagreb (Croacia).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/05/2025