A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións de Estaleiros Armón Vigo

Lorenzana destaca o liderado nacional do naval galego, coa maior carga de traballo desde 2019

Galicia acadou 11 novos contratos o pasado ano e ten máis dunha vintena de buques na carteira de pedidos, o 40 % do total nacional

A actividade ponderada representa o 41 % do conxunto de España, por riba de Asturias (34 %) e País Vasco (26 %)

Resalta as medidas da Xunta en apoio ao sector, recollidas no Plan director do naval, que buscan, di, “seguir intensificando as bondades, as fortalezas que ten o sector e tamén traballar nas dificultades, nos desafíos que ten agora mesmo”

Vigo, 2 de maio de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe que Galicia lidera o sector naval en España logo de pechar 2024 coa maior carga de traballo desde 2019: 11 novos contratos o pasado ano e máis dunha vintena de buques na carteira de pedidos, o 40 % do total nacional.

Lorenzana visitou hoxe as instalacións de Estaleiros Armón Vigo, o primeiro grupo naval privado de España, onde salientou que o liderado do naval galego é estrutural nos últimos dez anos porque “leva sabido especializarse a nivel tecnolóxico, diversificar a súa actividade, internacionalizala e, deste xeito, convertese hoxe en día nun sector industrial en Galicia fortísimo”.

A actividade ponderada, segundo datos do 2024, representa o 41 % do total nacional, por riba de Asturias (34 %) e País Vasco (26 %); unhas “extraordinarias cifras”, segundo destacou, das que Armón é unha mostra.

A conselleira puxo de manifesto as medidas da Xunta en apoio ao sector, recollidas no Plan director do naval, que buscan, dixo, “seguir intensificando as bondades, as fortalezas que ten o sector e tamén traballar nas dificultades, nos desafíos que ten agora mesmo”, vinculadas ao talento, á busca de persoas, e ao fortalecemento da  especialización e a diversificación “que é o que fai único” este sector.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/05/2025