A directora xeral de Xuventude visitou os participantes do campamento deportivo que ten lugar no Albergue Xuvenil das Sinas
A Xunta inicia esta fin de semana o programa ‘Campas 360’ no que se completaron as 420 prazas ofertadas
A primeira edición desta iniciativa ofrece actividades formativas relacionadas coa tecnoloxía, o deporte e o emprendemento durante o mes de maio
A proposta está dirixida a mozos e mozas de entre 12 e 30 anos e organízase en tres programas que se desenvolven en instalacións de Lugo, Sada e Vilanova de Arousa
Lara Meneses destaca que “a idea é que a mocidade estimule a súa creatividade e fortaleza as súas relacións interpersoais”
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 3 de maio de 2025
A directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, acompañou esta mañá no Albergue Xuvenil das Sinas, en Vilanova de Arousa, os mozos e mozas de 12 a 14 anos que están a participar desde onte, e ata mañá, nun dos campamentos do programa Campas 360 cos que, apuntou, “tratamos de impulsar entre os máis novos durante as fins de semana de maio actividades relacionadas coa tecnoloxía, o emprendemento e o deporte que combinan a formación e o lecer saudable”.
Así, coincidindo co arranque do programa, a representante da Xunta destacou que “a idea é que durante tres días, os participantes gocen dunha convivencia que lles permita estimular a súa creatividade con propostas innovadoras, fortalecer as súas relacións interpersoais establecendo vínculos, e practicar deportes de maneira sostible, minimizando o impacto ambiental”.
Tal e como lembrou Lara Meneses, esta primeira edición da iniciativa posta en marcha pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, está dirixida a distintas franxas de idade repartidas dos 12 aos 14 anos, dos 15 aos 17 e dos 18 aos 30. Así mesmo, explicou que o seu desenvolvemento ten lugar en 12 quendas de ata 40 persoas, catro delas nas Sinas, cun programa centrado en propostas deportivas; outras catro no Albergue Xuvenil Marina Española, de Sada, onde se fomenta o emprendemento; e catro máis no Albergue Xuvenil LUG II, en Lugo, cun plan enfocado na creación dixital.
Tres opcións
Concretamente no albergue xuvenil das Sinas, a mocidade de entre 12 e 30 anos pode gozar nas distintas quendas do mes de maio de rutas en caiac e paddlesurf equipados con cámaras de fotos subacuáticas; un obradoiro de construción por equipos dunha máquina de Goldberg con materiais deportivos e reutilizados; xogos tradicionais e videoxogos dos anos 80, e carreiras de orientación por equipos guiados con GPS e drons.
Pola súa banda, no Albergue Xuvenil Marina Española, a oferta para mozos e mozas de 15 a 30 anos vai desde propostas relacionados co márketing dixital á creación de imaxe de marca, compaxinadas con actividades de lecer relacionadas co mar que contemplan iniciación ao caiac ou carreiras.
Ademais, o Albergue Xuvenil LUG II acolle accións, desde os 15 aos 30 anos, que teñen que ver co deseño e impresión 3D, a realidade virtual e espazos inmersivos ou o manexo de drons. Todo isto complétase con escaladas en rocódromo ou tiro con arco.