A Xunta abre hoxe as solicitudes para os Premios Galicia de Acción Voluntaria 2026
O certame galardoará con 4.000 euros á persoa voluntaria do ano, á entidade de acción voluntaria e ao mellor proxecto, estas dúas últimas modalidades coa condición de estar inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria
As solicitudes, que deben facerse na sede electrónica da Xunta, están abertas ata o 15 de xuño
Santiago de Compostela, 16 de maio de 2026
A Xunta de Galicia acaba de convocar a sexta edición dos Premios Galicia de Acción Voluntaria para recoñecer o labor solidario de persoas e entidades para este ano 2026. As persoas e entidades interesadas nesta iniciativa, que acaba de publicar o Diario Oficial de Galicia, poderán achegar as súas candidaturas desde hoxe ata o 15 de xuño, e deberán facelo a través da sede electrónica da Xunta, permitíndose soamente unha candidatura por cada modalidade e entidade.
Tal e como se recolle na orde, as tres categorías deste certame, dotadas cada unha delas con 4.000 euros, son: a persoa voluntaria do ano na modalidade individual, a entidade de acción voluntaria e o mellor proxecto de acción voluntaria, estas dúas últimas coa condición de estar inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria.
As propostas que se presenten deberán contar co impreso de solicitude, unha memoria do proxecto ou traxectoria, a documentación oficial acreditativa dos méritos que alega emitida por un organismo público ou privado, así como cos diplomas e certificados dos que se dispoña. Ademais deberán incluír unha relación das actividades realizadas e calquera outra documentación que a persoa solicitante considere de relevancia.
Deste xeito, un xurado composto por un máximo de 11 membros, designados entre persoas destacadas no ámbito institucional, social e cultural, será quen faga o exame e valoración das candidaturas para proceder a seleccionar aos galardoados.
Premios da quinta edición
Na pasada edición, resultaron gañadores deste certame Maria Goretti Paz González, de Moaña, distinguida como persoa voluntaria do ano na modalidade individual pola súa traxectoria e participación en diferentes áreas de actuación relacionadas coa educación e a inclusión, o empoderamento e a igualdade, entre outras.
Pola súa banda, a entidade premiada na modalidade colectiva foi a Asociación Sociocultural Boanoite da Coruña, polo seu labor centrado no acompañamento, visibilización e dignificación das persoas sen fogar e en situación de vulnerabilidade. Na categoría de mellor proxecto, foi premiada a dedicación da Fundación Abrente pola iniciativa Voluntariado para a inclusión, que fai fincapé en mellorar a autonomía das persoas con diversidade funcional.