A Xunta impulsa a creación de proxectos liderados pola mocidade co programa ‘Iniciativa Xove’

A liña de axudas, que conta cun orzamento de 383.500€, está destinada a asociacións xuvenís, entidades e grupos informais de mozos e mozas

A medida ten por obxectivo fomentar a participación da xente nova en actividades concibidas por ela mesma, tanto na planificación como no desenvolvemento

As propostas promovidas versan sobre o emprendemento, a prevención de condutas de risco, os hábitos saudables, o medio rural ou a lingua galega, entre outros

O prazo de solicitudes abre o mércores a través da sede electrónica do Goberno galego, tras a publicación mañá no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2025

A Xunta impulsará a participación da mocidade en proxectos propios recuperando o programa Iniciativa Xove, destinado a apoiar actividades concibidas polos mozos e mozas nas que participen de forma activa e directa, facilitando así que sexan eles os que asuman a execución e a administración dos recursos. Así, a convocatoria, que se publicará mañá no Diario Oficial de Galicia e que conta cun orzamento de 383.500€, dálle continuidade a unha das iniciativas máis demandas pola mocidade galega nos últimos anos.

Deste xeito, desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude apóstase de novo por  esta liña de apoio, desenvolvida entre 2010 e 2023, que ten por obxectivo fomentar propostas xuvenís que estean lideradas pola propia mocidade a través da participación tanto na súa planificación como no seu desenvolvemento. Trátase dunha iniciativa dirixida a asociacións xuvenís, a entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións, e tamén a grupos informais compostos por un mínimo de cinco persoas e un máximo de oito, de entre 18 e 30 anos, que queiran realizar algunha das accións contempladas para a subvención e estean empadroadas nalgún municipio da Comunidade.

Con este programa, a Xunta de Galicia mostra o seu compromiso coa educación non formal de calidade como ferramenta para estimular a implicación da xuventude na vida pública e en áreas de interese, creando unha cidadanía activa para o futuro e potenciando o seu talento e as súas ideas. Ademais, este ano dáselle unha especial valoración ás iniciativas que teñan unha vocación de permanencia no tempo de cara a favorecer a empregabilidade, o emprendemento e o cooperativismo. 

Como novidade, outorgarase ademais un galardón conmemorativo do programa, en forma de recoñecemento público, aos tres proxectos que acaden as maiores puntuacións, tanto por parte das entidades coma dos grupos informais. 

Os proxectos subvencionables, que deben desenvolverse en territorio galego, poden versar sobre varias áreas de actuación como é a promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil; a sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, en especial contra a violencia de xénero, e o fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade da mocidade pertencente a colectivos vulnerables. Tamén abrangue propostas que impulsen actitudes creativas e innovadoras da xuventude na súa contorna, e as que teñan que ver co ámbito do emprendemento e a empregabilidade, facendo fincapé na promoción de sectores emerxentes vinculados coas tecnoloxías da información e a comunicación. 

Ademais, inclúense iniciativas relacionadas coa participación e o empoderamento das mulleres, a promoción do benestar emocional e outras que potencian actitudes e hábitos sustentables e de concienciación sobre o cambio climático, así como a posta en valor do patrimonio cultural e natural e, especialmente, do Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo. A transmisión dos oficios tradicionais galegos, o desenvolvemento do medio rural e a dinamización da lingua galega entre a mocidade son outras das cuestións que se destacan no marco destes proxectos.

Solicitudes

As persoas interesadas nestas subvencións, coas que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude financiará a totalidade do orzamento dos proxectos, que non deberá superar os 5.000€, poden achegar a solicitude a partir do mércores, tras a publicación mañá no Diario Oficial de Galicia, a través da sede electrónica da Xunta. Trátase dun procedemento de concorrencia competitiva e para acceder á axuda requirirase unha puntuación mínima de 50 puntos na avaliación dos proxectos.

Máis de 1.700 accións desde 2010

No 2010 o Goberno galego creou o programa Iniciativa Xove como unha proposta pioneira na participación xuvenil para potenciar o liderado e as competencias transversais para a empregabilidade da mocidade, a través do financiamento de proxectos pensados e xestionados pola propia xuventude.

Desde a súa posta en marcha, e ata 2023, a Xunta investiu máis de 7,1 M€ financiando 1.761 proxectos promovidos polos mozos e mozas, xa sexa a través de asociacións e entidades xuvenís, un 65,65%, como a través de grupos informais, un 34,35 %. Neste senso, cómpre lembrar que na última convocatoria do programa, resolta en 2023, foron concedidas un total de 82 axudas, das cales 70 foron para asociacións xuvenís e 12 para grupos informais.

Data de actualización: 05/05/2025