O conselleiro de Sanidade, xunto coa directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, e o xerente da área, Santiago Camba, supervisou os traballos que se están a acometer no Hospital Materno Infantil

Gómez Caamaño confirma que xa se reubicaron 2 das 4 plantas de hospitalización do Materno infantil de Ourense e se mantén a previsión de culminar o traslado a comezos do verán

Xa foron substituídos 1.000 m2 dos falsos teitos e a mediados deste mes de maio está previsto ter inspeccionado o 100 % da planta 0 do Hospital Materno Infantil, substituíndo os que sexan preciso

Para habilitar os espazos necesarios para o traslado das áreas de hospitalización do Materno xa foron reubicados 30 pacientes de medicina interna e a planta 1 do Xeral de paliativos no edificio de Piñor

Iniciáronse xa as actuacións na planta 1 esquerda do edificio Xeral, que albergará gabinetes e consultas de xinecoloxía e obstetricia

A planta 1 dereita quedará baleira nas próximas semanas para acoller a hospitalización de xinecoloxía e obstetricia

Esta semana darán comezo as actuacións na planta 4 do Xeral para que poida albergar as áreas de pediatría e biberonía 

Os servizos de pediatría e obstetricia trasladaranse de xeito simultáneo para garantir a mellor asistencia a nais e bebés

Ourense, 6 de maio de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, reiterou o compromiso do Servizo Galego de Saúde de ter finalizado o traslado da área de hospitalización do Hospital Materno Infantil de Ourense a comezos do verán e informou de que xa están reubicadas dúas das súas catro plantas.

Así o trasladou o conselleiro xunto coa directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, antes de visitar os traballos que se están a acometer no Materno Infantil.

Gómez Caamaño reiterou que a decisión de trasladar a área de hospitalización do Materno busca dar tranquilidade aos pacientes, tras o incidente rexistrado en marzo no falso teito. 

Polo tanto, o Servizo Galego de Saúde está a levar a cabo traballos de adecuación dos espazos que acollerán os distintos servizos do Materno e, por outra parte, estanse a reforzar os falsos teitos naquelas partes do Materno que se manterán en uso, principalmente na planta 0, que vai manter a área de consultas.

O reforzo dos falsos teitos estase a realizar por fases para interferir o mínimo imprescindible na actividade asistencial. Neste momento xa foron substituídos 1.000 m2 de falsos teitos e esta semana está previsto actuar noutros 500 m2.

Gómez Caamaño adiantou que a previsión é ter inspeccionado o 100 % dos falsos teitos da planta 0 do Materno e ter substituídos os que sexa necesario mediados deste mes de maio.

Traslado das áreas de hospitalización

De forma paralela, realizáronse diversas obras para liberar e habilitar espazos para o traslado das áreas de hospitalización. Así, a planta 1 do Xeral de paliativos e 30 doentes de medicina interna foron reubicados na planta 1 do edificio de Piñor e noutras plantas do complexo. 

Ademais, este mesmo luns iniciáronse as actuacións de adecuación na planta 1 esquerda do edificio Xeral, que xa está baleira e que albergará gabinetes e consultas de xinecoloxía e obstetricia. 

No que respecta á planta 1 dereita, quedará baleira nas próximas semanas para acoller a hospitalización de xinecoloxía e obstetricia.

Tamén esta semana se iniciarán as actuacións na planta 4 do edificio Xeral para adaptala e que poida albergar as áreas de pediatría e biberonía. 

Gómez Caamaño explicou que, cando estean habilitados eses novos espazos, os traslados dos servizos de pediatría e obstetricia faranse de xeito simultáneo, por operativa e por garantir a mellor asistencia ás nais e aos bebés. 

Indicou tamén que, unha vez materializada unha parte do plan de traballo, viuse que non será necesario trasladar e habilitar casetas para a zona de xerencia co obxectivo de deixar sitio aos médicos de garda, xa que se comprobou que hai espazo suficiente na planta 6 do Xeral para albergar os dormitorios.

O conselleiro de Sanidade rematou agradecendo o labor de coordinación que están a realizar a Xerencia e os profesionais dos distintos servizos. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/05/2025