A conselleira de Política Social e Igualdade visita a RTL do Carballiño
Fabiola García avanza que o programa de vacacións familiares en residencias de tempo libre da Xunta ofrecerá 2.415 prazas neste 2025
A convocatoria publicarase este mércores no Diario Oficial de Galicia, de maneira que o prazo abrirá o xoves 8 e permanecerá aberto ata o 21 deste mes
En concreto, a residencia do Carballiño ofertará 1.215 prazas e contará con dez quendas entre o 24 de xuño e o 2 de outubro
Como cada ano, as familias numerosas, monoparentais, acolledoras e de vítimas de violencia de xénero, contarán con acceso prioritario en todas as quendas
O Carballiño (Ourense), 6 de maio de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, presentou esta mañá o programa de vacacións familiares nas Residencias de Tempo Libre (RTL) autonómicas que se desenvolverá entre os meses de xullo e outubro nas instalacións do Carballiño e Nigrán. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará mañá esta convocatoria anual, á que as familias interesadas poderán presentar as súas solicitudes desde o día 8 ata o 21 de maio.
A conselleira detallou que neste 2025 ofértanse un total de 2.415 prazas, o que supón un total de 14.400 pernoitas nas residencias. Así o sinalou na súa visita á RTL do Carballiño na que estivo tamén acompañada do Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, do Delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, do alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e do tenente de alcalde, José Castro.
En concreto, a residencia do Carballiño ofertará 1.215 prazas e contará con dez quendas entre o 24 de xuño e o 2 de outubro. Pola súa banda, a residencia de Patos, en Nigrán, ofrecerá 1.200 prazas. A conselleira lembrou que o Goberno galego ampliou en 2023 as quendas ata o mes de outubro para que as familias con fillos maiores ou sen fillos poidan desfrutar tamén destas residencias. Ademais, antes da pandemia as quedas eran de entre nove e dez noites, e agora son de seis, co cal se poden beneficiar máis familias.
Como cada ano, as familias numerosas, monoparentais, acolledoras e de vítimas de violencia de xénero, contarán con acceso prioritario en todas as quendas. As solicitudes deberán realizarse por sede electrónica da Xunta e as tarifas terán prezos asequibles para as familias.