A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou na entrega dos certificados que recoñecen a posesión deste distintivo por unha actividade responsable

A Xunta salienta o coidado e respecto ao medio ambiente das empresas galegas que teñen acreditada a súa produción coa etiqueta europea Ecolabel

Ángeles Vázquez pon en valor o esforzo das 18 compañías asentadas en Galicia que contan con este distintivo europeo, pois é voluntario e certifica un xeito de producir máis respectuoso que, ás veces, implica maiores custos

Este selo facilita aos consumidores a toma de decisións na elección dos produtos ou servizos mediante criterios obxectivos e froito dun proceso de análise e auditoría independente sobre os esforzos realizados polas empresas

O Executivo galego decidiu entregar de oficio certificados ás firmas recoñecidas con esta distinción co fin de que poidan poñela en valor ante terceiros máis aló da colocación da ecoetiqueta nos seus produtos e servizos

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor o esforzo no coidado e respecto ao medio ambiente das empresas galegas que teñen acreditada a súa produción responsable coa etiqueta europea Ecolabel. Así o fixo durante o acto de entrega dos certificados que recoñecen a posesión deste distintivo a preto dunha vintena de entidades da comunidade pertencentes a distintos sectores de actividade.

A responsable autonómica salientou o especial compromiso destas compañías coa protección da súa contorna posto que esta acreditación europea é de carácter voluntario e certifica un xeito de producir respectuoso co medio ambiente que implica, en moitas ocasións, maiores dificultades no desenvolvemento do seu proceso produtivo ou uns custos económicos máis elevados.

Ángeles Vázquez lembrou que a ecoetiqueta Ecolabel -que poden empregar 60 produtos e servizos elaborados por 18 empresas asentadas en Galicia- facilita aos consumidores a toma de decisións á hora de elixir entre un produto ou servizo e outro baseándose no seu respecto ambiental grazas a unha certificación que reflicte mediante criterios obxectivos e froito dun proceso de análise e auditoría independente o esforzo realizado polas distintas empresas neste eido.

Por iso, a Xunta decidiu entregar de oficio -ata agora remitíase a aquelas entidades que o solicitaban- certificados da comunidade autónoma que recoñecen a posesión deste distintivo para que as empresas poidan poñer en valor este feito máis aló da colocación da ecoetiqueta nos seus produtos e servizos.

A responsable autonómica subliñou que estas 18 firmas galegas son un bo exemplo de que desde todos os ámbitos se pode contribuír a ser máis sostibles e ecolóxicos, aportando así pequenos graos de area fronte ao cambio climático. Por iso, animou a estas empresas responsables co medio ambiente a sumarse tamén -no caso daquelas que aínda non estean adheridas- á Alianza Galega polo Clima, unha iniciativa que conta xa con preto de 200 socios.

Selo responsable

A etiqueta ecolóxica europea Ecolabel, creada no ano 1992, é un instrumento voluntario que axuda ás empresas e aos consumidores a mellorar a súa actuación ambiental promovendo produtos que poden reducir o impacto na contorna en comparación con outros da súa mesma categoría. Está dirixida a distintos tipos de produtos como a bricolaxe -pinturas e vernices tanto para interior como para exterior-, complementos do fogar -quentadores e fontes de luz-, equipamento electrónico -ordenadores persoais, portátiles e televisores-, produtos de limpeza -deterxentes ou xabóns-, lubricantes, mobles, recubrimentos do chan, roupa e calzado ou distintos servizos, entre outros.

O fin último da entrega ás empresas dos certificados por parte da Xunta é que poidan contar cun documento físico que acredite ante terceiros a posesión desa ecoetiqueta, o que outorga maior valor ás súas producións dada a súa implicación e compromiso co medio ambiente. Deste xeito, as firmas beneficiadas por esta medida acadan unha maior visibilidade ante clientes, provedores ou calquera terceiro ao poder mostrar unha certificación oficial que complementa a resolución administrativa na que se recolle a obtención do distintivo europeo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/05/2025