A Xunta recibe 4 ofertas para executar as obras de mellora da ponte do Pedrido, que prevén a renovación total da súa iluminación, por máis de 972.000€
A actuación prevese adxudicar no verán e que estea rematada a finais deste ano
Trátase de poñer en valor esta emblemática ponte na AC-164, que conecta os concellos de Bergondo e Paderne
A nova instalación estará constituída por 194 proxectores LED e 35 luminarias e resaltará todos os elementos da ponte: os valores arquitectónicos e estruturais.
A intervención enmárcase nas accións de mantemento e conservación de obras de paso e estruturas das vías de titularidade da Xunta neste ano
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2025
A Xunta recibe 4 ofertas para executar as obras de mellora na Ponte do Pedrido, que une os concellos de Bergondo e Paderne na desembocadura da ría de Betanzos e que inclúen a renovación total da súa iluminación, cun investimento de 972.700 euros.
Esta actuación prevese adxudicar no verán e que estea rematada a finais deste ano.
Trátase dunha actuación enfocada a poñer en valor esta emblemática ponte na AC-164 e resaltar os elementos desta estrutura símbolo da historia e da enxeñería en Galicia, que conecta os concellos de Bergondo e Paderne.
Esta vía rexistra un intenso tráfico, de 10.336 vehículos/día, ao ser alternativa libre de peaxe á autoestrada estatal.
A nova instalación estará constituída por 194 proxectores LED e 35 luminarias LED de iluminación viaria, e resaltará todos os elementos da ponte: os valores arquitectónicos e estruturais.
Isto permitirá, ademais da posta en valor da ponte, a mellora da eficiencia enerxética e o control da contaminación luminosa.
A intervención completa tamén ás obras levadas a cabo con anterioridade coa reparación dos distintos elementos da ponte, dirixida a reforzar a súa durabilidade, e enmárcanse nas accións de mantemento e conservación de obras de paso e estruturas das vías de titularidade da Xunta.