Encontro co Federación Galega de Confrarías de Pescadores

Villares aborda co sector o estudo de novas medidas que permitan afondar na competitividade e sustentabilidade da actividade pesqueira en Galicia

O titular de Mar trasladou a máxima colaboración da Xunta no desenvolvemento de novas actuacións que permitan dar resposta ás necesidades actuais dos profesionais do mar

O responsable autonómico subliñou a importancia de adaptar as propostas ao marco normativo comunitario e estatal para garantir a súa viabilidade así como a súa futura execución

Ames (A Coruña), 5 de maio de 2025

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo un encontro co comité executivo da Federación Galega de Confrarías de Pescadores para abordar o estudo de novas medidas que permitan afondar na competitividade e sustentabilidade da actividade pesqueira en Galicia. Na reunión, na que estivo acompañado pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Patricia García, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, puxo en valor a celebración destas xuntanzas que son claro reflexo do modelo de cogobernanza na xestión do desenvolvemento deste sector estratéxico para a comunidade.

O titular de Mar reiterou a máxima colaboración da Xunta no estudo e deseño de novas actuacións que permitan dar respostas eficaces ás necesidades actuais dos profesionais do mar. Alfonso Villares valorou moi positivamente o diálogo fluído entre a Administracións autonómica. Un traballo conxunto que tamén se traduciu no desenvolvemento de novos proxectos de investigación no marco da rede entre o sector pesqueiro e organismos científicos da comunidade.

O responsable autonómico subliñou a importancia e adaptar as propostas do sector ao complexo marco normativo comunitario e estatal para garantir a súa viabilidade así como a súa futura execución. Por outra banda, trasladou aos representantes da Federación que desde a Xunta estase a traballar de forma intensa nesa liña de traballo á vez que se desprega as diferentes ordes con distintas liñas de axuda ao sector. Un esforzo técnico e orzamentario que ten como obxectivo reforzar o liderado de Galicia no ámbito pesqueiro así como o seu papel de motor económico e de xeración de emprego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/05/2025