O presidente salientou a solidez do tecido empresarial local e reivindicou a aposta da Xunta por unha Galicia descentralizada, competitiva e con capacidade de atracción de investimentos e de creación de emprego

Rueda destaca no Porriño o liderado industrial do concello e enxalza o seu papel no fomento da cultura empresarial galega

Pon en valor os bos datos económicos de Galicia, incluíndo o crecemento do PIB un 2,8 % en 2024 e a previsión de descenso da taxa do paro ao 9,1 % en 2025

Reafirma o compromiso do seu Executivo cun modelo que permita o liderado no desenvolvemento industrial

O Porriño (Pontevedra), 7 de maio de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá no Foro Empresarial do Porriño, onde puxo en valor o papel do concello como referente industrial e como exemplo dunha Galicia descentralizada, competitiva e con capacidade de xerar riqueza desde o territorio: “Os que o fan mellor que outros, conseguen mellores resultados. E este equipo faio moi ben. Así que de O Porriño hai que presumir. Hai centros industriais moi potentes, pero como este, poucos”, resaltou.

Durante o acto, Rueda sinalou que O Porriño conta xa cun ecosistema empresarial consolidado, no que destacan máis de 2.200 empresas e máis de 3,5 millóns de metros cadrados de solo industrial ocupado. Ademais, cada vez teñen máis peso no concello sectores como a automoción, a biotecnoloxía, a pedra natural e a loxística, factores que contribúen ao dinamismo económico e á creación de emprego estable na localidade.

O titular do Goberno galego tamén valorou a aposta do Concello pola cooperación público-privada, reflectida na súa integración na Rede de Concellos Emprendedores e na posta en marcha dun Foro que integra aos principais axentes económicos da comarca: industrias, comerciantes, hostaleiros e autónomos. “Nós seguiremos buscando cumprir con todos vós, e para iso é moi importante estar asociados”, sinalou Rueda.

O presidente apuntou á actividade do Porriño como unha demostración da fortaleza económica galega, reflectida nos indicadores da Comunidade, onde destacan o crecemento do PIB galego nun 2,8 % durante o 2024 e unha previsión de descenso da taxa de paro ata o 9,1 % en 2025. Así mesmo, subliñou que, no primeiro trimestre deste ano, a economía rexional medrou un 3,4 % interanual, impulsada sobre todo polo turismo.

Rueda tamén salientou o esforzo da Xunta por mellorar os parques empresariais a través de liñas de apoio por valor de 4,8 millóns de euros. No caso concreto do Porriño, investíronse máis de 700.000 euros nos últimos quince anos en melloras de infraestruturas e servizos.

O xefe do Executivo autonómico reafirmou o compromiso da Administración cun modelo de Galicia equilibrado territorialmente, no que cada comarca achega valor ao conxunto, atraendo investimento, xerando emprego e liderando o desenvolvemento industrial. “Non podemos perder oportunidades. Esa oposición por sistema a atraer industria non funciona. Hai que darse conta de que o que non queiramos nós, están desexando collelo outros. Todo o que cumpra, sendo moi esixente, nós imos darlle para diante”, resaltou Rueda.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/05/2025