A Xunta licita por 471.000 euros o servizo de asistencia técnica especializada para a elaboración dun plan funcional, espazos e equipamento da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza
As empresas interesadas teñen ata o 3 de xuño para presentar as súas ofertas
Na elaboración do plan estimarase a actividade asistencial a un horizonte futuro co obxectivo de determinar os recursos necesarios a partir da análise socio-demográfica da poboación, e definirase un escenario de actividade prevista a 25 anos
A apertura do Centro de Protonterapia posicionará tanto a actividade clínica como investigadora desta área ao máis alto nivel, en colaboración coa universidade, empresas e centros internacionais, o que suxire identificar novas actuacións
Santiago de Compostela, 7 de maio de 2025
O Portal de Contratos Públicos de Galicia publica, por medio da Consellería de Sanidade, a licitación, por importe de 471.900 euros, do servizo de asistencia técnica especializada para a elaboración dun plan funcional, plan de espazos e dotación de equipamento da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, tendo en conta a totalidade de infraestruturas hospitalarias existentes nesta área: Hospital Gil Casares, Provincial de Conxo, Psiquiátrico de Conxo e Hospital de Barbanza.
As empresas interesadas neste contrato teñen de prazo ata o 3 de xuño para presentar as súas ofertas.
O plan funcional, que se elaborará en colaboración estreita cos profesionais, definirá as necesidades e a reordenación dos recursos existentes contemplando o perfil asistencial dos centros e a oferta de servizos para promoción da saúde, prevención, tratamento e rehabilitación, tanto en réxime ambulatorio como de hospitalización.
Estimarase a actividade asistencial a un horizonte futuro co obxectivo de determinar os recursos necesarios a partir da análise socio-demográfica da poboación, así como a definición dun escenario de actividade prevista nunha perspectiva a 25 anos para todas as liñas de actividade asistencial: hospitalización, actividade cirúrxica, ambulatorio, servizos diagnósticos e de urxencias, consultas externas, centros de especialidades, servizos xerais, etc., cunha estimación detallada por especialidades.
Tamén definirá a evolución da carteira de servizos asistenciais e non asistenciais, identificando novas necesidades, de acordo cos principios dunha correcta planificación sanitaria entre os centros, marcada polas directrices do Servizo Galego de Saúde.
Sobre a base da actividade prevista e os indicadores de produtividade considerados, o adxudicatario proporá o dimensionado xeral, cuantificando os elementos clave de cada concepto: número de camas, quirófanos, locais de consultas externas e de urxencias, hospitais de día, etc., tendo en conta a confortabilidade dos edificios e accesos e a relación dos servizos entre si e cos demais centros da área. Ademais, incorporará sinerxías organizativas entre as áreas e unidades asistenciais, os obxectivos de eficiencia e calidade e o dimensionado de recursos físicos, así como a reordenación de servizos e unidades que poidan compartir procesos e recursos.
Polo que atinxe ao plan de espazos, permitirá desenvolver o estudo previo arquitectónico en cada un dos centros, ordenación dos niveis de relación funcional entre unidades, identificando as características xerais de cada área no que atinxe a organización estrutural e funcionamento e características particulares dos espazos principais: habitacións, box, consultas, etc. Incluirá unha relación detallada de cada un dos tipos de espazos incluídos en cada área, definindo número, superficie útil e características. Tamén definirá as necesidades en canto a equipamento e instalacións.
No que atinxe ao Plan de dotación incluirá o equipamento electro médico e espazos vinculado ao plan funcional. O equipamento proposto permitirá o posicionamento do Complexo Hospitalario no máis alto nivel tecnolóxico.
Identificación de novas actuacións
A apertura das instalacións do Centro de Protonterapia de Galicia o vindeiro ano, cuxas terapias favorecerán aos pacientes oncolóxicos, sobre todo na poboación infantil tanto de Galicia como de comunidades limítrofes, posicionarán tanto a actividade clínica como investigadora desta área ao máis alto nivel, en colaboración coa universidade, empresas e centros internacionais, o que suxire identificar novas actuacións.
Isto fai necesario unha visión global da área sanitaria mediante a elaboración deste plan funcional e de espazos que permita abordar con total garantía o futuro da demanda sanitaria e o seu posicionamento estratéxico, en estreita colaboración cos profesionais da área, así como a súa interrelación coas universidades e outras institucións.
O contrato prevé un tempo de duración de 10 meses.