A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe estas actuacións

A Xunta rematará o vindeiro ano as obras de mellora de seguridade e capacidade da estrada LU-540, entre Viveiro e Ourol, cun investimento de 8,2 M€

María M. Allegue explicou que este proxecto ambicioso permitirá a transformación integral desta vía autonómica neste treito que suma 15,5km

Detallou que a intervención inclúe a rectificación de curvas, a habilitación de carrís de adiantamento, a reforma de interseccións e a mellora do firme en todo o trazado

Coa chegada da primavera están a acelerarse as obras, tendo talados xa máis de 5.000 árbores e avanzando os movementos de terras, cunha escavación de 150.000m3

Destacou que este proxecto posibilitará reducir o tempo de viaxe entre Viveiro e Lugo, o que facilitará o día a día dos cidadáns e contribuirá a aumentar a competitividade das comarcas da Mariña e Terra Chá, que atravesa a vía

Salientou a aposta da Xunta pola conservación das estradas autonómicas, materia para a que os Orzamentos de 2025 reservan 68M€, un 30% máis que en 2024

Viveiro (Lugo), 8 de maio de 2025

A Xunta rematará o vindeiro ano as obras de mellora de seguridade e capacidade da estrada LU-540, entre Viveiro e Ourol, cun investimento de 8,2M€.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a contorna na que se están desenvolvendo os traballos.

Explicou que se trata dun proxecto ambicioso que permitirá a transformación integral desta estrada autonómica, entre Viveiro e Ourol, un treito que suma 15,5km.

Detallou que esta intervención en marcha inclúe a rectificación de curvas, a habilitación de novos carrís de adiantamento, a reforma de interseccións, un cambio de sentido e o acondicionamento do firme en todo o trazado.

Sinalou que unha vez acometidas as obras previstas será posible circular a 90 km/h en todo o tramo.

Apuntou que a meteoroloxía adversa do inverno incidiu no ritmo previsto nos traballos, pero agora coa chegada da primavera estanse a acelerar estas actuacións.

Concretou que se está a traballar a pleno rendemento e ata agora taláronse máis de 5.000 árbores e avanzan os movementos de terras, cunha escavación de arredor de 150.000m3.

Fixo fincapé na importancia deste proxecto para a veciñanza, pois ademais de incrementar a seguridade viaria neste treito, permitirá reducir o tempo de viaxe entre Viveiro e Lugo, a capital da provincia.

Remarcou que esta intervención facilitará o día a día dos cidadáns e contribuirá a aumentar a competitividade das comarcas da Mariña e Terra Chá, que atravesa a vía.

Salientou a aposta da Xunta pola conservación das estradas autonómicas, tal como amosan os Orzamentos de 2025, que reservan para este fin partidas que suman máis de 68M€, un 30% máis que no exercicio de 2024.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/05/2025