Valentín García resalta o interese que esperta o legado de Rosalía de Castro na creación artística actual

O secretario xeral da Lingua salienta a colaboración da Xunta nas xornadas ‘Rosalía en Camiño. Diálogos literarios multilingües 2025' para proxectar a poesía en galego

No marco da cita, pon en valor que a celebración das Letras Galegas contará cunha ampla programación co foco posto na figura das cantareiras e da tradición oral

Destaca que para impulsar a lingua en todos os ámbitos, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inicia os trámites para crear un selo que recoñeza o compromiso das empresas e institucións co idioma valorándoo en procedementos e convocatorias

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2025

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, asistiu hoxe ás xornadas Rosalía en Camiño. Diálogos literarios multilingües 2025, onde resaltou o interese que a día de hoxe segue a espertar o legado da nosa autora máis universal na creación artística actual. Trátase dunha iniciativa na que colabora a Xunta de Galicia para proxectar a poesía en galego.

No acto, que tivo lugar no Museo do Pobo Galego, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor a iniciativa “por enxalzar a figura de Rosalía de Castro e achegar os seus textos aos novos creadores para seguir afondando neles”. Neste senso, destacou tamén o acercamento da lingua galega aos diferentes persoeiros chegados desde todo o territorio español que recitaron os versos da poeta.

Deste xeito, lembrou que “o vindeiro 17 de maio celebraremos o día grande das nosas letras que este ano homenaxeará ás cantareiras polo seu labor na transmisión da nosa tradición oral”. Así, o Goberno galego ten prevista unha ampla programación con diversidade de propostas que van desde a música, a lectura, contacontos, mostras ou obradoiros, “para que toda a cidadanía coñeza o noso cancioneiro e ás mulleres que contribuíron á riqueza da nosa literatura”, resaltou.

No marco do impulso para o uso e prestixio do galego, do mesmo xeito que coa colaboración neste certame, o Goberno galego continúa o proceso iniciado ao abeiro do Pacto pola lingua. Así, estanse a celebrar as reunións de traballo para a renovación do Plan xeral da lingua galega, así como a posta en marcha de medidas de acción inmediata que contan con propostas formativas para sanitarios, fiscais ou persoas non nacidas en Galicia.

No marco desta cita, Valentín García tamén quixo destacar unha das novidades no eido da lingua anunciada polo conselleiro esta semana no Parlamento de Galicia. Tal e como indicou, “xa iniciamos os trámites para a creación dun selo que recoñeza o compromiso das empresas e institucións co idioma, e que poderá terse en conta en convocatorias e procedementos públicos ou poderá servir como criterio de desempate”.

As xornadas Rosalía en Camiño. Díalogos literarios multilingües 2025 contou coa presenza de seis destacados poetas como son María Sevilla, Gonzalo Hermo, Oriana Méndez, Juan Andrés García Román e Castillo Suárez, entre os que se atopa, por vez primeira, un destacado creador do eido do cinema como é Oliver Laxe.

Data de actualización: 08/05/2025